“Pomba, a que non era”, o novo libro de Lucía Ferro ilustrado por Andrea Lombardía, presentarase en Ribadeo o 23 de novembro

A publicación Pomba, a que non era, é o novo libro de Lucía Ferro, ilustrado por a artista ribadense Andrea Lombardía. A autora anuncia que se fará unha presentación e lectura do conto o día 23 de novembro, domingo, ás 12 horas no Cine Teatro de Ribadeo: “os máis cativos poderán gozar do conto lido pola autora, con acompañamento visual dos debuxos. Ademais diso haberá un coloquio sobre os temas que trata a obra como o bullying ou a superación das feridas que causa e tempo para preguntas de calquera que asista”.

Ademais Lucía Ferro explica que este libro está “pensado para ser desfrutado por toda a familia, pero moi especialmente ao ser lido de pais a fillos. A través dunha historia que ten como protagonista unha pomba ferida, o libro trata temas como a saúde mental e como o bullying ou outras feridas sufridas polas crianzas a poden alterar. Para chegar ao maior público posible, o libro estará dispoñible tanto en galego como en castelán”.

Dada a envergadura do proxecto, Lucía Ferro decidiu iniciar unha campaña de financiamento colectivo (crowdfunding) para “acometer os gastos que implica comisionar unhas ilustracións desta calidade e unha impresión a toda cor con tapa dura. Esta campaña farase coa axuda de Goteo.org, unha das maiores plataformas do estilo no estado español, enfocada cara proxectos que buscan ter un impacto social positivo. A campaña comezou este domingo, 16 de novembro, e terá unha duración máxima de 40 días. Poderase acceder seguindo calquera dos seguintes enlaces: goteo.cc/pombaquenonera e https://www.goteo.org/project/pomba-a-que-non-era. O obxectivo mínimo de financiación serán 5.500 euros, que cubrirían os custos mínimos. No caso de non chegar a esa cantidade o proxecto será cancelado e necesitaranse buscar outras vías para saír ao mercado. As persoas que participen, segundo o seu aporte, poderán recibir na súa casa unha copia asinada do libro en galego ou castelán e incluso engadir os seus nomes na lista de agradecementos do libro”.