
Este sábado, día 27 de decembro, ás 17:30 horas dentro do programa Circuíto de Teatro Profesional, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e a través da asociación Eco das Minas (A Chocolateira), da Pontenova (A Chocolateira) chega á Casa da Cultura este espectáculo -de teatro, música e danza- para toda a familia.
“Bailaremos, cantaremos e sobre todo divertirémonos moito da man de María Balteira, a bailadora primeira”, anuncia a asociación Eco das Minas.
María Balteira, a bailadora primeira é un espectáculo de teatro, música e danza con esta sinopse: “Montse Rivera e Xabier Iglesias achegan o baile tradicional ás crianzas e ás súas familias cunha obra de teatro, música e danza ambientada no Medievo. O Rei Sabio vive no Bosque das Artes, onde cultiva a música, a poesía e o teatro, pero algo non vai ben: nunha parte do seu bosque as plantas e as árbores non medran como deberían. Pedro Amigo é mestre de música, e María Balteira a súa alumna, pero María soña con bailar. Un día cóntalle os seus soños a Pedro, este fica abraiado co xeito de bailar de María e pídelle que lle ensine a bailar. A fama da bailadora María Balteira chega a oídos do Rei Sabio que lle escribe unha carta pedíndolle axuda para que o seu Bosque das Artes medre florido e fermoso”.


