A Pontenova acolle unha xornada dedicada á billarda este sábado, 4 de xullo

O club de billarda Troitas Bravas, da Pontenova, organiza o IV Aberto a Carón da Lúa. Será este sábado, día 4 de xullo, na Praza dos Fornos.

“Aquí vos deixamos os horarios da xornada que temos preparada para o vindeiro sábado día 4 de Xullo na Praza dos Fornos da Pontenova, e á que estades todas e todos convidados: arrancamos as 17:00 horas cun Obradoiro de Billarda para grandes e pequenos que queiran probar este apaixonante xogo; a partir das 18:00 horas, xogos billardeiros (billarcesto, billarda por parellas, billarda de relevos, etcétera) para todos/as , Animádevos! Non se trata de ser o mellor, trátase de divertirse todos xuntos”, anuncia o club Troitas Bravas, que engade: “ás 20:00 horas pousamos os paláns e preparámonos para bailar ó son da música tradicional dos grandísimos músicos do Cuarteto Tradicional Illa Pancha, que veñen con ganas de facernos bailar ata o esgotamento. Ás 21:00 horas, pausa de hidratación e repoñemos forzas. E a partir das 22:00 horas, aberto nocturno e foliada aberta da man das compañeir@s da Chocolateira ata que o corpo aguante!”.