Presentada no Concello de Viveiro a Banda de Música Xuvenil O Landro, que organizará un obradoiro en novembro

A Banda de Música O Landro presentou no Concello de Viveiro a súa Banda Xuvenil. Trátase dunha iniciativa coa que a entidade busca reforzar a base formativa e garantir a continuidade da formación de cara ao futuro.

O Concello de Viveiro tamén explica que “a Banda Xuvenil concíbese como o primeiro paso para que nenos, nenas e mocidade se incorporen progresivamente á vida da Banda de Música O Landro. O proxecto procura transmitir coñecementos musicais, pero tamén valores como o compañeirismo, o compromiso, a responsabilidade, o respecto e o traballo en equipo. Durante a presentación, tamén se puxo en valor a reunión mantida esta semana coas familias dos participantes, tanto dos nenos e nenas que xa forman parte da banda como das novas incorporacións. No encontro explicouse o funcionamento dos ensaios, o papel das familias, a importancia da asistencia e da constancia, e o coidado do material e das instalacións. Segundo trasladou a propia entidade, a acollida por parte das familias foi moi positiva, tanto pola dimensión musical do proxecto como polo ambiente de convivencia xerado arredor da Banda Xuvenil.

A presentación permitiu tamén facer balance do obradoiro de construción de instrumentos musicais con material de refugallo celebrado en xuño. A enquisa realizada ás familias participantes acadou unha valoración media global de 4,98 sobre 5 e o 100 % das persoas que responderon recomendaría a actividade a outras familias, destaca o Concello de Viveiro, que ademais salienta “o traballo que desenvolve a Banda de Música O Landro para achegar a música ás novas xeracións e contribuír á dinamización cultural do municipio. A administración local agradece tamén a implicación das familias e da propia banda nun proxecto que reforza a educación musical, a convivencia e a participación da mocidade”.

De cara ao mes de setembro, o Concello e a Banda de Música O Landro traballarán conxuntamente na promoción dun novo obradoiro, “co obxectivo de dar continuidade ás actividades formativas e ampliar a participación”.