Presentado o Festival de Cine Curto de Ribadeo, que se celebra do 6 ao 8 de agosto

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia que apoia a quinta edición do Festival de Cine Curto de Ribadeo, que foi presentado este mércores no cine ribadense e celebrarase desde este xoves, 6 de agosto, ata o sábado 8.

“O certame, organizado pola asociación Areas Movedizas, reúne na sección competitiva oito curtametraxes de Galiza e Asturias, que se proxectarán  o venres 7 de agosto ás 20.00 horas no cine de Ribadeo. Trátase de producións de diferentes temáticas e estilos, cun percorrido destacado noutros festivais estatais, que competirán polo Premio do Xurado Profesional e polo Premio do Público”, explica a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A deputada provincial de Cultura, Iria Castro, amosou o seu apoio ás organizadoras do certame, valorando que “se consoliden iniciativas que inciden na distribución e na proxección da creación audiovisual propia”.  A responsable provincial destacou que “ao longo de todo este ano, no que por primeira vez se celebraron en Lugo os Premios Mestre Mateo, vimos destacando a puxanza do audiovisual galego e lucense. Para que se sosteña son necesarias propostas como esta, que acheguen as súas  producións ao público, mais se falamos de curtametraxes, que non están presentes nos circuítos comerciais convencionais”.

O festival inclúe nesta quinta edición unha xornada inaugural ao aire libre – 6 de agosto, ás 20.00 horas -  no parque de San Francisco coa proxección das curtametraxes gañadoras das últimas catro edicións -Una historia azul, de Mónica Arnanz; Nena, de Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias; Esto no es Noruega, de Paco Cavero e Alicia Albares; e Monstera, de Diego R. Aballe – e un concerto de O Xoán, o proxecto musical do actor Xoán Fórneas, Premio Mestre Mateo pola interpretación de Castelao na tamén premiada Antes de Nós. O intérprete chairego será ademais o padriño desta quinta edición do certame, que se clausurará o sábado 8 de agosto ás 20.00 horas  cunha gala final no Teatro de Ribadeo, con entrega de premios ás producións galardoadas e un concerto de bandas sonoras a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo.