A proba de piragüismo LXIII Travesía Ría de Foz disputarase este sábado, 26 de xullo

Foz acollerá este sábado, día 26 de xullo, a 63ª edición da proba de piragüismo Travesía de Foz, organizada polo club Kayak Foz. A deputada provincial Iria Castro participou na presentación da competición, que “segue sumando edicións como unha das máis veteranas do calendario estatal”, destaca a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que engade: “a proba contará este ano coa participación de máis de 150 palistas das categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano, masculina e feminina, clubs de toda Galiza, entre eles, ademais do Kayak, o Club Fluvial de Lugo, o Cidade de Lugo, o Altruán de Ribadeo e o Viveiro Urban Hotel”.

Iria Castro parabenizou ao Kayak Foz “pola organización dunha nova edición desta cita histórica que demostra a tradición dos deportes de auga na Mariña e na provincia e a tenacidade da xente do piragüismo de Foz que mantivo esta proba ao longo deste tempo” e valorou “a contribución destas probas á promoción do deporte, a valorización do
noso entorno natural, e ao dinamismo social das localidades que as acollen".  

A área de Deportes da Deputación de Lugo achega 7.000 euros á celebración da proba, “reforzando o apoio aos clubs de piragüismo da provincia con axudas directas para a actividade competitiva e coa promoción da Copa Deputación de Piragüismo, que este domingo celebra a terceira regata en Río Covo, en Cervo”.