
O Concello de Viveiro presenta a programación especial de Nadal, con actividades que se desenvolverán ata o 5 de xaneiro. O calendario inclúe propostas culturais, musicais, deportivas e de lecer, así como actividades dirixidas á conciliación familiar, co obxectivo de ofrecer alternativas para todos os públicos.
Este venres, día 19 de decembro, abrirá o Mercado de Nadal A trastenda de Nicomedes ás 17.00 horas na Sala Multiusos da Casa do Concello. E haberá a cea de Nadal da Comisión de Festas de Viveiro no Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas ás 21.30 horas.
O sábado 20 disputarase unha proba da Copa Galicia de Ciclocross en Lavandeiras (Celeiro), a partir das 11.00 horas; celebrarase o Festival de Nadal da Unidade Pastoral de Viveiro ás 17.00 horas nos Claustros de San Francisco; e haberá o concerto Volven os 80, da Banda de Música O Landro ás 20.00 horas no Teatro Pastor Díaz.
O domingo 21 disputarase a III Cronoescalada Monte Castelo en Galdo, de 10.00 a 13.00 horas; celebrarase o Festival de Nadal de Bágoas da Terra ás 18.00 horas no Teatro Pastor Díaz e inaugurarase o belén de Bágoas da Terra ás 20.00 horas na sala de exposicións da Biblioteca Municipal.
Para o luns 22 está programada a retransmisión da Lotería de Nadal no Teatro Pastor Díaz, de 9.00 a 12.00 horas; e o inicio do programa Divernadal no pavillón Antonio Tarrío, de 10.30 a 13.30 horas, ata o 26 de decembro (con inscrición previa).
O martes 23 haberá exposición de cantareiras no Conservatorio, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas; obradoiro de cantigas de Nadal no Conservatorio ás 18.30 horas; concerto de panxoliñas, coa Coral Alborada de Viveiro, de 19.00 a 20.30 horas polas rúas da vila; e actuación do grupo Xiró ás 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz.
O mércores 24 Papá Noel visitará Viveiro. Sairá ás 17.00 horas desde a explanada da variante e recibirá aos nenos e nenas na Praza Maior.
O venres 26 haberá concerto de Música nas parroquias, coa orquestra Trova da Mariña ás 20.00 horas na Escola vella de Galdo; Santalices, ás 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz; e comezará o programa Ocio Nadal Xuvenil no pavillón Antonio Tarrío e no pavillón dos institutos, de 18.30 a 22.00 horas (con entrada libre sen inscrición, esta actividade continuará os días 27, 28 e 30 de decembro).
O sábado 27 haberá o espectáculo Tocan as gaitas polo Nadal, polas rúas de Viveiro cos grupos infantís Ledaina e Abrente, de Bágoas da Terra, ás 18.30 horas; e concerto de panxoliñas da Coral Alborada de Viveiro nas Concepcionistas ás 20.30 horas.
O domingo 28 terá lugar a Quedada de fin de ano da Peña Lar, con saída da Praza Maior ás 9.30 horas; e Máxica-Mente, con Saúde Mental e Jorge ás 18.00 horas no Teatro Pastor Díaz (venda de entradas na taquilla).
Para o martes 30 está programado o espectáculo de maxia Galicia Magic Fest, ás 18.00 horas no Teatro Pastor Díaz (venda anticipada en ataquilla.com).
O mércores 31 de decembro e o xoves 1 de xaneiro haberá a Festa de Fin de Ano no Centro Comarcal, organizada pola Asociación de Veciños de Lodeiro.
O venres 2 de xaneiro actuarán Os Bolechas, con As lamberetadas de Nadal, ás 18.00 horas no Teatro Pastor Díaz.
O domingo 4 terá lugar o sorteo do Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro ás 21.00 horas na Praza Maior.
E o luns 5 de xaneiro celebrarase a cabalgata e visita dos Reis Magos, que sairán ás 17.30 horas desde a explanada da Variante, percorrendo a avenida de Ferrol, Navia Castrillón, Praza de Lugo, Travesía da Mariña e avenida de Cervantes, para finalizar na Praza Maior, onde recibirán a todos os nenos e nenas.


