Coincidindo cos preparativos para o inicio do curso escolar, a Rede Museística Provincial pon a disposición dos centros escolares a súa programación para o curso 2024-2025, con multitude de propostas tanto presenciais como virtuais elaboradas a partir dos fondos do Museo Provincial de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Museo Fortaleza San Paio de Narla e o Pazo de Tor.
O obxectivo da programación é achegar, un curso máis, o patrimonio conservado nos museos ao alumnado a través dun conxunto de actividades, deseñadas para cada etapa -infantil, primaria e secundaria - a partir da experiencia e da investigación educativa que se desenvolve nos museos provinciais
A deputada de Cultura Iria Castro e a xerente da Rede Museística Encarna Lago presentaron o catálogo de actividades no Pazo de Tor, coincidindo coa celebración dun obradoiro “En tempo presente” no que profesionais de museos compartiron e intercambiaron experiencia na xestión do tempo e na realización de proxectos.
Iria Castro subliñou “o importante traballo que realiza a Rede Museística ano tras ano para crear vínculos coa comunidade educativa e ofrecer propostas e materiais que relacionan as coleccións e espazos do museo coa súa propia vida e procesos de aprendizaxe, e que contribúen tamén a sensibilizar na conservación do patrimonio e da memoria”.
A xerente da Rede Museística Encarna Lago destacou que se trata dunha planificación baseada “na innovación educativa” que afonda na idea dun “museo educador, que fomente a aprendizaxe integral e impulse o pensamento crítico e a investigación”.
A programación artéllase arredor de catro eixos temáticos - recuperación de historias esquecidas, fomento da igualdade, dereitos culturais e migración – e inclúe distintos itinerarios e obradoiros para visitas presenciais ou virtuais aos distintos museos da rede ao longo do ano, en función das etapas educativas.
Algunhas das propostas fórmulanse a partir de “caixas de aprendizaxe”, que inclúen recursos e contidos elaborados pola Rede Museística para que o profesorado poida empregar na aula como ferramenta flexible, multidisciplinar e transversar para traballar a educacion en valores a través das coleccións dos museos.
O catálogo completo pode consultarse na web www.comunidadermpl.es. Poden realizarse consultas e concertacións no enderezo electrónico concertacionsrmp@gmail.com e no teléfono 982 242 112.