
Rendos Pequeno, o novo proxecto teatral do cómico e músico Félix Rodríguez, presenta en Ribadeo o seu espectáculo titulado Charlatán Rodríguez este xoves, día 14 de agosto. Será ás 20:00 horas no Campo de San Francisco e se chove trasladarase ao Teatro.
Este espectáculo, dirixido por Fran Rei, ten unha duración de 55 minutos e a sinopse é: “Un charlatán chega á vila coa súa lingua afiada, os seus instrumentos afinados e seu posto de venda ateigado de remedios para todos os males. Armado de retranca e coa sabedoría que dá percorrer todos os camiños, será quen de vender ao público menciñas que non necesitan a prezos que non poden pagar, cun catálogo infinito de solucións inútiles para problemas inexistentes, laretadas baleiras, melodías inventadas, pequenas grandes ilusións e contos de impostor. Porque o noso protagonista sabe sempre o que a xente quere escoitar. Dirixido por Fran Rei, Félix Rodríguez mestura nesta súa primeira montaxe música, comedia, maxia e moita participación, nun espectáculo para todos os públicos. Non se deixen confundir: moinantes hai a moreas, pero ninguén engana co humor, o ritmo, a empatía e a arte de Charlatán Rodríguez”.
Félix Rodríguez, formado nos conservatorios de Lalín e Vigo e con diversos obradoiros de teatro cómico e de rúa no seu currículo, desenvolve a súa carreira profesional desde o ano 2007 en compañías como Odaiko, Trío Detrés, Píscore e Culturactiva Producións. Mesturar música e humor é o sinal de identidade das creacións deste artista multidisciplinar e cos seus espectáculos, como Molto Barroco, Saaabor! ou Desconcerto, xirou polos teatros e prazas de todo o país. Agora, tras máis de quince anos de traxectoria, embárcase neste proxecto unipersoal “para seguir dando a nota”.