
Remata un ano frutífero para o turismo da Mariña. Ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística (PST), a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense desenvolveu un programa de accións que posicionou o territorio como un destino sostible e singular, o que lle valeu para atraer as miradas do sector e recibir o recoñecemento público ao seu labor.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, sinalou que “o esforzo realizado desde a Mancomunidade ten como obxectivo avanzar na consecución dun modelo turístico sostible, que xere valor para as persoas que nos visitan, pero tamén para a comunidade local, acadando un equilibrio beneficioso e enriquecedor para todos os axentes do sector”.
O PST, ademais doutras liñas de confinanciamento como convenios anuais, é a ferramenta que están permitindo impulsar a transformación turística do territorio poñendo como base o respecto e o valor da identidade e convertendo os valores locais nun dos maiores atractivos para as persoas que nos visitan. As accións promovidas pola Mancomunidade contaron coa colaboración da Secretaría de Estado de Turismo, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo.
Implicación e concienciación
Como balance do ano Rocío López, salientou o “sentimento de orgullo por todo o traballo realizado e por todas as persoas que se implicaron, que fixeron posible que o destino A Mariña brille hoxe, aínda máis, en todo o mundo”. En palabras da presidenta da Mancomunidade “esta aspiración por construír un modelo turístico xerador de riqueza e calidade de vida na Mariña é xa unha realidade que non ten volta atrás, non só por todo o que se leva investido e realizado, senón porque son o propio sector e tamén a poboación local os que o demandan, os que están movilizados e concienciados de que un turismo sostible é posible no noso territorio”.
López salientou que xa se deron grandes pasos nesta liña e que resulta “enormemente motivador e emocionante presentar A Mariña fóra de Galicia e recibir os eloxios dos profesionais do sector e da cidadanía doutros lugares, que valoran a nosa terra e a asocian a unha visita de calidade e con valor”.
Foron moitos os proxectos desenvolvidos ao longo de 2025, centrados na mellora e promoción da Mariña e no apoio do propio sector para promover a súa competitividade. Algúns dos proxectos máis salientables foron:
Campaña Latexa contigo en FITUR
O primeiro gran evento do ano tivo lugar en FITUR, onde se presentou a campaña A Mariña Latexa contigo, unha iniciativa para promocionar o territorio a través da mirada persoal dos seus veciños e veciñas. Autoridades, touroperadores, prensa especializada e profesionais do sector recibiron a campaña como unha proposta emocionante que achega unha visión única do destino, poñendo en valor o territorio a través das persoas. A campaña, máis alá do seu compoñente publicitario, serve para implicar á cidadanía nun modelo de turismo de calidade, facendo que se sintan partícipes da xestión sostible deste sector. Tal foi así que logo de FITUR se fixo na Mariña o evento aberto á ciudadanía, cargado de emotividade, que puxo de manifesto a implicación da poboación local.
INTUR
Por primeira vez A Mariña participou con stand propio na Feria Internacional de Turismo de Interior INTUR, en Valladolid, un escaparate para máis dun milleiro de empresas do sector que recibiu máis de 36.000 visitantes.
Foron xornadas nas que o equipo técnico da Mancomunidade, liderado por Rocío López, desenvolveu un programa de xuntanzas con representantes institucionais e axentes do sector, para establecer novas liñas de promoción e comercialización para o destino.
A primeira experiencia da Mariña en INTUR foi valorada positivamente polo equipo da Mancomunidade que destacou o alto grao de interese no destino por parte do público asistente, especialmente sobre turismo ornitolóxico, o xeoturismo e o patrimonio cultural o que pon de manifesto que a aposta por un turismo sostible está a calar no público.
Presentación en Bilbao
No plan de traballo de 2025 o evento promovido no País Vasco foi un dos máis sinalados. Bilbao foi a lugar elixido para presentar oficialmente a marca turística do destino, nun acto que serviu tamén para reafirmar a colaboración entre as institucións e facer visibles os lazos que unen a ambos destinos.
Gastronomía, paisaxe e poboación local foron os eixes centrais do evento dirixido a touroperadores e axencias do sector turístico de Bilbao, un dos principais mercados de proximidade da Mariña. Esta iniciativa, que contou coa colaboración activa do Colectivo de Gastronomía da Mariña, continuou ao día seguinte, cando o equipo visitou o Basque Culinary Center, en San Sebastián, para coñecer o labor que desenvolve esta institución, referente internacional no desenvolvemento e impulso da gastronomía.
Foro Turismo e Sostibilidade
A Mariña foi en outubro o punto de encontro no que expertos en turismo e sostibilidade de diferentes organizacións nacionais e internacionais debatiron sobre o papel do turismo na sociedade actual e os desafíos que enfronta o sector para acadar un modelo sostible. Un encontro, no que participaron técnicos e profesionais do turismo e tamén a cidadanía, que puxo á Mariña no centro do debate sobre os novos modelos de turismo e que lle serviu para posicionarse como un destino comprometido cun turismo de futuro, xerador de riqueza para os territorios e para as persoas.
Premio Turismo Sostible
O proxecto Camiño cara a sostibilidade turística na Mariña Lucense. Proxectos que definen unha traxectoria recibiu o Premio Turismo Sostible outorgado pola Deputación Provincial de Lugo. Este galardón foi un recoñecemento ao esforzo que se vén realizando a prol dun modelo turístico integrador, sostible e atento á calidade.
Guía do turista responsable
A Mancomunidade publicou a Guía do turista responsable: un manual de boas prácticas publicado en formato dixital que ten por obxecto promover a reflexión activa sobre a necesidade de minimizar o impacto das viaxes nos territorios. Unha forma de achegarse ao visitante e fomentar un turismo respectuoso coa Mariña.
Plans e Obradoiros con corazón
Máis de 300 persoas participaron nestes programas no 2025, iniciativas coas que afondar no coñecemento do territorio e promover visitas fóra de tempada alta. As experiencias creativas arredor dos oficios e obradoiros da Mariña e as visitas activas aos espazos naturais e patrimoniais, lideradas polos guías locais de turismo, foron altamente valoradas polos participantes, poñendo de manifesto o interese polas actividades que conectan directamente co territorio, coa poboación e coa tradición.
Encontro natureWatch
A Mariña acolleu no mes de abril o foro especializado en ecoturismo natureWatch celebrado en Barreiros, un encontro de referencia nacional e recoñecido como evento colaborador pola Organización Mundial do Turismo. Expertos de toda España participaron nun completo programa no que se abordaron diferentes experiencias sobre ecoturismo, xestión de espazos naturais, gastronomía responsable, xeoturismo e turismo ornitolóxico. Neste contexto xurdiu o Decálogo de boas prácticas para os usuarios das praias, un documento de referencia para sensibilizar sobre a importancia de coidar e protexer os areais como ecosistemas naturais e, en especial, as aves que os habitan.
Turismo ornitolóxico e xeoturismo
O deseño de sinalización interpretativa, a produción de folletos divulgativos temáticos e a creación de novos contidos para a web corporativa foron algúns dos proxectos abordados nos ámbitos do xeoturismo e o turismo ornitolóxico.
Tamén neste ano traballouse na mellora das capacitación dos profesionais do sector coa organización na Mariña das Xornadas Formativas de Turismo Ornitolóxico, un encontro aberto que serviu para ampliar e asentar coñecementos e habilidades arredor deste turismo de natureza, un dos grandes activos do territorio polo que se aposta dentro do posicionamento da Mariña como destino de ecoturismo.
Calidade Turística
Un total de 39 empresas e servizos turísticos da comarca renovaron o seu compromiso coa calidade no Comité de Distinción do Sistema Integral de Calidade Turística da Mariña (SICTED). O esforzo realizado polas entidades materializouse na súa participación en formacións e actividades que teñen como obxectivo mellorar a xestión turística. Un bo exemplo foi a visita ao Fuciño do Porco da man do técnico de turismo do Vicedo, que amosou o valor deste recurso natural e achegou as principais claves da súa xestión, en consonancia co seu valor e a protección que precisa.
MISEA – SEGITTUR
A Mariña foi o único destino galego seleccionado para participar no programa MISEA -Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas- unha iniciativa impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo a través de SEGITTUR. O proxecto, que xa deu os primeiros pasos neste mes de decembro, ten como obxectivo motivar a participación do sector primario do sistema turístico local, estruturando experiencias agroturísticas sostibles e atractivas.
Retos 2026
A Mancomunidade encara o 2026 como un ano de novos retos, cun plan de accións que ten como obxectivo consolidar os proxectos xa iniciados e impulsar outros novos. A mellora da sinalización turística no territorio; dos proxectos BTT A Mariña, Centro de Interpretación e Ruta Histórica de Pardo de Cela, da Rede de Rutas de Sendeirismo ou do Camiño do Mar; a adhesión ao Club de Ecoturismo Soy Ecoturista e o apoio ao SICTED para a captación de novos membros, serán algúns dos fitos que centrarán o traballo da Mancomunidade no vindeiro exercicio, orientados, como se leva feito ata agora, á consolidación dun modelo turístico sostible e de futuro.


