Ribadeo acolle a exposición “Os maragatos da Porta de San Pedro” ata o 5 de xuño

A Oficina de Turismo de Ribadeo acolle a exposición titulada Os maragatos da Porta de San Pedro, que organizan o Colectivo Egeria e a Fundación Pérez-Carro e que estivo aberta anteriormente en diversas cidades e vilas de toda Galicia. Esta mostra, que estará na vila ata o 5 de xuño, foi inaugurada polo alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. No acto tamén participou o ex alcalde ribadense José Carlos Rodríguez Andina.

A exposición está composta por doce paneis en galego e castelán e recolle un resumo da historia da familia Pérez-Carro, asentada en Lugo desde 1880, e o seu importante papel comercial e social na cidade no decurso destes 145 anos. Os contidos da exposición están recollidos no catálogo que se entrega gratuitamente aos visitantes.

Cara a 1880, a primeira xeración dos maragatos da Porta de San Pedro (Lugo), o matrimonio formado por Tomás Pérez Carro e Vicenta García Carro, procedente de Santa Colomba de Somoza, no corazón da Maragatería leonesa, asentouse fronte á histórica Porta Toledana da Muralla lucense (a actual Porta de San Pedro), converténdose en lucenses. O 19 de abril de 2021 cumpríronse 40 anos do falecemento do cabeza de familia da segunda xeración, Tomás Pérez-carro García (Lugo, 1895).

Con este motivo, a terceira xeración desta familia pon en marcha este proxecto para investigar na historia desta familia, a súa procedencia leonesa e asentamento en Lugo e a súa especial traxectoria ao servizo do comercio lucense, representada na actualidade polo histórico establecemento que rexe na rúa San Pedro María del Carmen Pérez-Carro García, a máis nova dos membros da terceira xeración dos Maragatos da Porta de San Pedro.