Ribadeo acollerá o 15 de decembro un evento de promoción dos Viños da IXP Terras do Navia

Ribadeo acollerá o vindeiro luns, 15 de decembro, un evento de promoción dos Viños da IXP Terras do Navia. Será no Parador de Turismo en horario de mañá e de tarde.

Ás 11 da mañá terá lugar a benvida e a presentación institucional a cargo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Asociación das IXP de Viños de Galicia, como organizadores da cita. 

Para as 11:15 horas está previsto o Faladoiro Nace no Navia, loce na Mariña no que participarán representantes da Asociación das IXP de Viños de Galicia, de adegas de Terras do Navia, do Colectivo Gastronómico da Mariña e do colectivo PratoDO.

E ás 12:30 horas haberá unha degustación da IXP Terras do Navia e maridaxe con produto galego agroalimentario de calidade da provincia.

Xa pola tarde terá lugar unha visita ás 16:30 horas á mostra de viños da IXP Terras do Navia. Ás 17:00 horas haberá unha cata comentada por Luis Paadín, de viños da IXP Terras do Navia e das IXP de Galicia, dirixida preferentemente ao sector do turismo e da restauración. E ás 18:00 horas espazo lúdico con actuación de música de raíz a cargo da Fundación Legar e degustación de viños de Terras do Navia. 

Todos os eventos son abertos, pero é necesaria a inscrición para asistir.