
O venres 5 de decembro ás sete da tarde a Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho de Ribadeo (rúa Antonio Otero, 19), acollerá o evento titulado Soberanía Dixital IX: Administración electrónica. Ferramentas e axuda.
Está organizado polo colectivo amarinha.gal, que anuncia: “unha actividade pensada para favorecer o manexo e control das ferramentas coas que nos relacionamos coas institucións. Quen queira participar e teña algunha dúbida aínda está a tempo non só de preguntar na sesión senón tamén de facer propostas para tratar ferramentas ou temas en concreto, para o que se pediu ós asistentes que transmitiran as necesidades que observen, da petición de cita no Sergas á instalación de Chave365 ou o certificado dixital, por poñer varias posibilidades. Para transmitilas pódese poñer en contacto con Mario Penelo ou outro dos membros de amarinha.gal”.
“A actividade consistirá nunha pequena presentación, exemplos e atención a algunhas ferramentas relacionadas coa administración e a privacidade. A máis terá lugar como tradicionalmente o reparto dun fanzine con artigos sobre o tema e un coloquio no que participará toda persoa interesada. Esta é a novena actividade do ciclo que se está a desenvolver ó longo de 2025, impulsado polo grupo amarinha.gal, nos locais da Biblioteca El Viejo Pancho, solicitados e concedidos polo Concello para sucesivas presentacións e talleres sobre a necesaria a moitas veces esquecida soberanía dixital. O fanzine co que se complementa a sesión, repartido por amarinha.gal con catro artigos, será en galego”, explica o colectivo organizador.
A actividade está aberta, coa única limitación do aforo, a todas as persoas, interesadas en “mellorar o seu coñecemento sobre a posibilidade de optimismo tecnolóxico e as implicacións para as nosas vidas”.


