
O grupo amarinha.gal anuncia que o venres 31 de outubro ás 7 da tarde a Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho de Ribadeo (rúa Antonio Otero, 19) acollerá o evento titulado Soberanía Dixital VIII: Solarpunk. Taller de futuros optimistas; unha actividade pensada “para achegar ó público en xeral a un raio de esperanza contestatario fronte á cada vez máis abafante apropiación da rede por compañías privadas e poderes institucionais”.
A organización explica tamén que “a actividade consistirá nunha presentación, exemplos, reparto de fanzine e máis, incluído un coloquio no que participará toda persoa interesada. Esta é a oitava actividade do ciclo que se está a desenvolver ó longo de 2025, impulsado polo grupo amarinha.gal, nos locais da Biblioteca El Viejo Pancho, solicitados e concedidos polo Concello para sucesivas presentacións e talleres sobre a necesaria a moitas veces esquecida soberanía dixital. Como complemento, será repartido por amarinha.gal un novo fanzine en galego, neste caso con artigos relacionados cunha dinámica optimista de cara á integración da soberanía dixital nos nosos aparellos informáticos e nas nosas vidas.
A actividade está aberta, coa única limitación do aforo, a todas as persoas “interesadas en mellorar o seu coñecemento sobre a posibilidade de optimismo tecnolóxico e as implicacións para as nosas vidas”.