Ribadeo acollerá un campus de hóckey do 29 de xuño ao 5 de xullo

O CHL Meigas organiza unha nova edición do seu campus de verán en Ribadeo, que terá lugar do 29 de xuño ao 5 de xullo. Na cita participarán 50 nenas e nenos, nados entre os anos 2009 e 2016, que gozarán de diferentes actividades como día de praia, surf ou noite de xogos, ademais da práctica deportiva do hóckey.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, contou que “este campus contará coa intervención de adestradores de primeiro nivel, entre os que destacan a seleccionadora catalana e o seleccionador de Finlandia”.

O edil ribadense engade: “en Ribadeo estamos encantados de acoller campus de diferentes disciplinas deportivas durante o verán, contamos cunhas boas instalacións e iso fai que moitos clubs aposten por Ribadeo para levar adiante estas actividades nas que participan moitos nenos e nenas tanto do noso concello como doutros de toda a contorna”.

O campus está organizado polo CHL Meigas coa colaboración do Club de Hockey Isla Pancha, o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo. Na presentación participaron o director deportivo do CHL Meigas, Alejandro Fernández, a tesoureira do Club de Hockey Isla Pancha de Ribadeo (Begoña), e o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent.