
Este venres, día 13 de marzo, ás 19:00 horas a Biblioteca Pública Municipal Viejo Pancho de Ribadeo (rúa Antonio Otero, 19) acollerá o evento titulado Soberanía Dixital XI: Festa do Fediverso. O futuro das redes sociais e internet. É a segunda actividade do grupo amarinha.gal neste ano 2026, despois das nove celebradas o ano pasado.
Os organizadores explican: “na actualidade están a propoñerse preguntas do estilo de: é boa idea prohibirlle o acceso a RRSS a menores de 16 anos? Son adecuadas as medidas que propón tomar o goberno para a súa regulación? Que solucións existen ante a preocupante situación das RRSS? A nosa proposta desenvólvese neste contexto. Encadrada na celebración das diversas opcións do Fediverso, é unha actividade pensada para ter unha visión xeral do que é este mundo libre en internet e como se adapta. Ó tempo, será representada a instancia de amarinha.gal como exemplo e caso de estudo no Fediverso, coas súas ofertas, puntos en común con outras instancias, orixinalidades e diferenzas. Asemade, tamén se falará do Fediverso ante as novas leis en España e en Europa, e a limitación de liberdades. Será presentada por José Manuel Ventoso, a quen acompañarán os membros de amarinha.gal. Como en ocasións anteriores, estará a disposición dos asistentes un novo número do Fanzine do grupo.
A actividade é aberta, coa única limitación do aforo, a todas as persoas “interesadas en mellorar o seu coñecemento sobre a posibilidade da propia soberanía tecnolóxica e as implicacións para as nosas vidas”.


