
Ribadeo con vida todo o ano é a estratexia coa que o Concello acudirá a Fitur 2026 esta semana.
O alcalde, Dani Vega, indicou que “Ribadeo acude a Fitur baixo unha estratexia conxunta, unha estratexia como vila, como concello, pero evidentemente traballando conxuntamente coa Mancomunidade, coa Mariña, e tamén baixo unha estratexia conxunta con Galicia, entendendo que Ribadeo é esa capital do encontro entre Galicia e Asturias. E debemos saber aproveitar todas esas oportunidades que nos dá ser a porta de entrada a Galicia e ese espazo do entendemento entre Galicia e Asturias”.
O rexedor manifestou: “Ribadeo con vida todo ano. É unha mensaxe clara que ten este Concello porque evidentemente Ribadeo leva traballando anos para que haxa vida todo ano, que haxa actividade todo ano e tamén entendendo que hai que trazar unha estratexia conxunta con todos os actores económicos da vila”.
Vega subliñou tamén que “Ribadeo ten historia, comercio, patrimonio, ese patrimonio arquitectónico que ten unha profunda pegada indiana e, desde logo entendendo que debemos aproveitar todos os recursos. O Forte de San Damian é outro punto clave baixo a estratexia turística de Ribadeo. Un legado histórico que nos foi regalado e debemos conservar, como tamén todo o noso casco histórico, que seguimos investindo nel, neste caso en vivenda para menores de 36 anos preferentemente, é dicir traendo familias mozas, creando vida e creando proxectos de futuro”. E engadiu: “tamén o patrimonio que debemos conservar, como dixen, ese patrimonio con esa pegada profunda indiana e tamén a celebración do décimo aniversario como patrimonio da humanidade do Camiño Norte. E evidentemente a nosa capela sixtina, a capela da Nosa Señora das Virtudes, que debemos tamén traballar conxuntamente baixo ese guión que ten a Xunta de Galicia do Camiño Norte. O Camiño Norte é unha oportunidade e este Concello está sabendo aproveitar todos os recursos. A promoción que estamos a realizar a través de festivais, actividades musicais, culturais… o Camiño Norte tamén debemos aproveitalo. E nós estamos coa Xunta de Galicia para seguir aproveitando os recursos do Camiño e entendendo que o patrimonio da humanidade é un recurso moi importante para nós”.
O alcalde seguiu a relatar: “todos os espazos, o patrimonio natural, como Lexoso, todo o entorno da costa, as praias que acabábamos tamén de renovar, o Cargadeiro, o miradoiro de Santa Cruz, que tamén pasou de estar abandonado a ter vida constante e continuamente e evidentemente a nosa icona, o noso emblema, que é a praia das Catedrais, que desde 1999 está facendo unha estratexia de turismo, un imán para que veñan os nosos visitantes tanto de Galicia, España, estranxeiros que acoden a Ribadeo a través dese nome, desa figura, dese espazo natural que é As Catedrais”.
Dani Vega lembrou que “en 1999 fíxose o primeiro cartel turístico da praia das Catedrais, de Ribadeo e acudiu por primeira vez a Fitur. Baixo ese recordo, baixou esa estratexia e profundamente agradecidos a todos os gobernos que traballaron para que todo fora mellor, baixo unha estratexia conxunta como comarca, como Galicia, e evidentemente traballando para que os nosos recursos foran expostos nos puntos claves do turismo nacional e internacional. Temos que aproveitar o porto deportivo, a ría de Ribadeo, todos os recursos que nos dan, todo isto en conxunto, Ribadeo con vida todo ano é a estratexia que leva a Ribadeo este ano a Fitur”.
Ata Fitur viaxarán o alcalde, Dani Vega, a concelleira de Turismo, Marta Saiz, e concelleiro de Medio Ambiente, Diego Dos Santos. Formará tamén parte da delegación ribadense desprazada a Madrid o xerente de Acisa, Jesús Pérez.


