
Ribadeo vístese de Nadal coa instalación do alumeado ornamental destas datas.
A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, explica que “onte deu comezo a instalación en Ribadeo das luces de Nadal con antelación suficiente á súa inauguración para facelo con calma e sen atropelos de última hora”.
A edil ribadense sinala que “queremos telo alumeado listo para inauguralo coincidindo coa celebración do XX Mercado do Nadal, que terá lugar do 28 de novembro ao 8 de decembro na contorna da Praza de Abastos de Ribadeo, en horario de 11 a 14:30 horas polas mañás e de 17 a 21 horas polas tardes”.
Saiz engade: “o traballo segue pasiño a pasiño e nuns días presentaremos a programación deseñada para o vindeiro Nadal, con actividades para todos os públicos, pícaros e adultos. Agardamos que todo no seu conxunto contribúa a unha importante dinamización comercial e hostaleira de Ribadeo durante este último treito do ano”.


