
O Concello de Xove anuncia que a Asociación Cultural Saíñas vén de organizar o XV Festival Infantil, que terá lugar este sábado, día 28 de marzo, ás 18:00 horas no salón de actos do Centro Cívico de Xove. “Nesta nova edición, o festival contará, ademais dos grupos infantís de Saíñas, Xoaniña e Candís, coa participación de destacados convidados: a Asociación Folclórica e Cultural Orballo, de Pontedeume, e a Asociación Cultural Osorio Gutiérrez, de Lourenzá, que achegarán o mellor do folclore tradicional galego”.
A organización convida a veciños, visitantes e a todas as persoas afeccionadas á cultura popular a achegarse a Xove “para gozar dunha tarde de baile e música tradicional, nun ambiente festivo e familiar”.
Desde o Concello de Xove anímase á asistencia a este evento, que “contribúe á posta en valor das nosas tradicións e ao fomento da cultura galega entre as novas xeracións. Na presentación do cartaz estaban presentes o alcalde, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Cultura, María Dolores Meitín, acompañando a Jairo Míguez e Pepe Casariego, presidente e secretario respectivamente da Asociación Cultural Saíñas”.


