San Ciprián (Cervo) celebrará o 40 aniversario da festa da Maruxaina este sábado, 9 de agosto

O concello de Cervo celebrará este sábado, día 9 de agosto, a cuadraxésima edición da Festa da Maruxaina, unha cita declarada de Interese Turístico Galego, que “converterá San Ciprián nun auténtico fervedoiro de tradición, cultura mariñeira e participación veciñal. Con motivo do seu 40 aniversario a programación inclúe propostas para todas as idades, mantendo viva a esencia desta festa que une o pobo co mar e coa lenda da Maruxaina”, anuncia o Concello de Cervo.

As actividades comezan xa o mércores 6 e o xoves 7 de agosto coa celebración da II Experiencia Sereas e Tritóns, unha actividade acuática na piscina de Río Cobo dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 13 anos (de 10:00 a 14:00 h). As persoas interesadas en participar poden anotarse e recibir máis información no teléfono 629.08.35.48 (o custe da actividade é de 10 euros por neno/a).

O xoves e o venres, como novidade, haberá tamén viaxes en barco ós Farillóns dende o porto de San Ciprián, en horarios de mañá e tarde (11:00, 12:00, 16:00 e 17:00 horas). Anotan alí mesmo para participar na actividade.

O xoves pola noite, ás 22:30 h, terá lugar o concerto da Charanga Mekánika Rolling Band na Praza dos Campos.

O venres 8 de agosto celebrarase a Pre-Maruxaina, que comezará ás 19:00 horas co gran chupinazo na praza Nardo Martínez. A continuación terá lugar a concentración de maruxain@s cunha degustación popular de empanadas e bolos preñados a prezos populares. A festa continuará co ambiente dos Cantos de Taberna, polas rúas e bares da vila, da man dos grupos Cantaberneiros, No Combarro e Os Chiribicos. Ás 21:00 horas a Asociación Amigos da Maruxaina celebrará o nomeamento d@ Maruxain@ de Honra 2025, nun acto que estará amenizado polo grupo A Rebolaxe, acompañado polos gaiteiros de San Ciprián.

O sábado 9 de agosto, día grande da festa, comezará ás 11:00 horas cun novo chupinazo e pasarrúas a cargo das charangas e gaiteiros. Ás 12:00 horas na Prazoleta comezará o desfile popular Engaiolamos á Maruxaina, ao son do corno mariñeiro e das gaitas. A música seguirá ás 12:30 horas coas actuacións das charangas Os Celtas, Tambukada, Louband Street Band e Os Atrevidos, que percorrerán as rúas de San Ciprián. Xa pola tarde, ás 18:30 horas, a praia do Torno acollerá os Xogos na Praia, con competicións populares como carreira de sacos, corda e proba da carretilla, organizadas pola Asociación Mar de San Ciprián.

Un dos momentos máis emblemáticos da festa terá lugar ás 23:00 horas, coa celebración do Desembarco da Maruxaina na Praia do Torno. Mariñeiros e maruxain@s acompañarán a figura desta mítica serea guiada por sinais luminosas dende A Anxuela ata a praia, onde será recibida cun show de fogos de artificio. Ás 00:00 horas terá lugar o Xuízo Popular á Maruxaina, unha representación teatral que será seguida da súa escolta festiva polos gaiteiros, mariñeiros e grupo de danza ata a praza, onde o Grupo Folclórico Mistura ofrecerá unha actuación especial para conmemorar o 40 aniversario da festa, coa colaboración de Amigos da Maruxaina e Mar de San Ciprián. A xornada rematará coa verbena, a partir das 01:30 h, coa música das orquestras Fénix e Arizona, que farán bailar ao público ata ben entrada a madrugada.

O operativo de seguridade da festa foi definido na Xunta Local de Seguridade celebrada días atrás, na que participaron a alcaldesa, a Subdelegación do Goberno, a Policía Local, a Garda Civil, a Garda Civil de Tráfico e a Policía Autonómica, “para garantir que todas as actividades se desenvolvan con normalidade e seguridade”.

Dende o Concello de Cervo fan un chamamento á participación veciñal e á chegada de visitantes: “celebramos 40 anos dunha festa que é parte da nosa identidade como vila mariñeira. É unha celebración onde tradición, cultura e convivencia se dan a man. Queremos que todas as persoas que veñan a San Ciprián gocen da festa con alegría e respecto, mantendo vivo o espírito orixinal da Maruxaina”, apuntan.

Na presentación participaron a alcaldesa, Dolores García Caramés; as concelleiras Pilar Armada e Mali Méndez; os edís Alfredo Fernández e Adrián Arias; e representantes das asociacións que colaboran na festa dun ou doutro xeito (Mar de San Ciprián, Mulleres de San Ciprián, Amigos da Maruxaina, e a autora do cartel gañador desta edición, Blanca Fernández Dacal).