
O Concello de Ribadeo lanza a sétima edición das Panchas para dinamizar o comercio local. Na campaña, que arrinca este sábado, 1 de novembro, participan 84 negocios locais.
A concelleira de Comercio, Marta Saiz, explica que “o Concello de Ribadeo pon en marcha a sétima edición da moeda local Pancha, unha iniciativa que busca impulsar o consumo nos establecementos do municipio e fomentar a economía de proximidade”.
A edil ribadense subliñou que “a campaña, que se desenvolverá entre o 1 de novembro e o 31 de decembro, conta cun investimento de 85.000 euros, achegados polo propio Concello e coa colaboración da Xunta de Galicia”.
Sobre o funcionamento Marta Saiz dixo que “por cada 30 euros que compren ou paguen os participantes poden obter 40 panchas para consumir nos establecementos adheridos. Hai un límite máximo de adquisición por persoa (400 panchas por persoa). Tamén existe un límite de 150 panchas por cada compra para diversificar os beneficios. A partir dese importe a diferenza deberá pagarse en euros. A moeda emprégase nun moedeiro dixital, chamado PanchaPeto; non hai que recoller billetes físicos, só usar a aplicación ou sistema habilitado”.
A concelleira de Comercio indicou que “durante a campaña poñeranse en circulación 260.000 panchas, que poderán gastarse nos comercios e locais de hostalaría adheridos, o que supón un gran aforro para as persoas consumidoras e un forte impulso á economía local en época de menor consumo, propiciando ademais que o diñeiro se quede no propio municipio e beneficiando tanto aos negocios como á veciñanza”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou que “Acisa colabora por sétimo ano co Concello de Ribadeo nesta importante campaña prestando asistencia e asesoramento tanto aos negocios como a aquelas persoas particulares que precisen axuda para descargar a aplicación e para explicarlles o funcionamento da mesma”. E animou a disfrutar da moeda local de Ribadeo: “chegan épocas importantes, como o Nadal, de aí que a pancha sexa unha grande axuda para os agasallos desas datas, para as ceas ou comidas de amizades e familiares, ou para mercar artigos de tempada, agora que se aproxima o inverno”.
As bases completas da campaña e a listaxe de establecementos adheridos poden consultarse na web www.pancharibadeo.gal.


