
Todo está listo para a celebración dunha nova edición das xornadas gastronómicas da cabala en Ribadeo, que organiza Acisa coa colaboración da OPP do Porto de Burela. Terán lugar esta fin de semana, do 17 ao 19 de abril, e na cita participan 18 locais hostaleiros, que ofrecerán este peixe en diferentes preparacións.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “todo está listo para os días 17, 18 e 19 de abril, datas nas que terá lugar a segunda edición das xornadas gastronómicas da cabala de Burela, na que participarán 18 locais hostaleiros asociados a Acisa Ribadeo, que van ofrecer tapas e pratos preparados con este peixe capturado polos barcos do porto burelés. Grazas á colaboración da OPP do Porto de Burela puidemos desde Acisa organizar esta nova cita gastronómica. A OPP facilítanos de forma gratuíta uns 90 quilos de cabala que imos distribuír entre os bares, mesóns e restaurantes que participan sen ningún tipo de custe para eles”.
Segundo explicou o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “esta é unha nova ocasión na que dende Acisa regalamos materia prima para a elaboración das tapas e dos pratos ás nosas asociadas e asociados, co que pretendemos deste xeito aforrarlles custes nas campañas que lles propoñemos. Isto marca unha liña de acción da nosa asociación para este tipo de eventos. Ademais trátase dunha achega importante: aportamos aos locais unha parte do produto que van empregar para elaborar as súas preparacións cun produto de tempada como é a cabala ou xarda”.
E dixo que “as diferentes elaboracións pódense atopar nas redes sociais de Acisa para a súa consulta e así coñecer as propostas de cada local. Son 18 establecementos, tanto de Ribadeo vila, do porto, como de Rinlo, co que deste xeito espallamos esta cita gastronómica polas parroquias nas que tamén temos asociados e asociadas de hostalería. Entre elas poderanse degustar elaboracións diferentes de cabala como crepes de cabala con tomate, empanada de cabala, ensaladilla, cabala ao forno, arroz con cabala, cabala en escabeche, cabala frita, salpicón de xarda,... e todo isto en diferentes formatos como racións ou tapas, tanto de pago e de balde”.
Cruzado Iglesias subliñou que “con estas xornadas o que pretendemos é botar unha mane axudar á dinamización do sector hostaleiro nestas datas, ofrecendo unha alternativa aos ribadenses e á veciñanza doutras localidades da Mariña, da provincia de Lugo e do Occidente asturiano para vir a Ribadeo a gozar dunha proposta gastronómica diferente”. E lembrou que “levamos xa un tempo organizando citas deste tipo, nas que facemos entrega do produto de xeito gratuíto, grazas á colaboración da OPP do Porto de Burela ou da Área de Mar da Deputación de Lugo. Así o fixemos xa coas xornadas da lura e da ameixa ou as da merluza de Burela, o peixe espada ou a xarda”.
A presidenta de Acisa engadiu: “queremos agradecer a colaboración e o apoio da OPP do Porto de Burela nesta ocasión para poder organizar estas novas xornadas gastronómicas da cabala en Ribadeo. E queremos resaltar que esta actividade está enmarcada na programación de Acisa, pero tamén forma parte das actividades a desenvolver conxuntamente entre Concello de Ribadeo e a nosa entidade, seguindo as liñas de traballo conxunto”.
Os locais participantes son: A Horta de San Roque, A Mirandilla, Barallocas, El Huerto, El Rincón del Gordo, Galipizza, La Flor de Jose, Los Dulces de Delphine, La Solana, Mareta, Marinero, Náutico, O Furancho no Camiño, O Indiano, O Lar de Manolo, Parador de Turismo, Ramonita e San Miguel.


