
Esta fin de semana, do 20 ao 22 de xuño, terán lugar en Ribadeo as xornadas de exaltación da ameixa. Están organizadas por Acisa en colaboración Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Na cita participan 21 locais hostaleiros asociados.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “esta fin de semana en Ribadeo, terán lugar as xornadas gastronómicas de exaltación da ameixa, nas que participan 21 locais hostaleiros asociados a Acisa, que van ofrecer tapas e pratos preparados con este produto do noso mar. As diferentes elaboracións poderán atoparse nas redes sociais de Acisa a partir de hoxe, para a súa consulta e así coñecer as propostas de cada local. Os locais participantes son: O Indiano, La Solana, Parador de Turismo, Ramonita, Barallocas, O Lar de Manolo, Náutico, A Horta de San Roque, Aware Cakes, El Rincón del Gordo, La Flor de Jose, Mesón D´Cata, O Furancho no Camiño, Cayo Coco, Marinero, A Mirandilla, Arrancadeira, Los Dulces de Delphine, San Miguel, La Bugalla e La Quinta. As propostas nestas xornadas son moi variadas, poderemos saborear fabas con ameixa, arroz meloso con ameixa, pratos variados de ameixas á mariñeira, en salsa verde, á prancha, á sartén, tostas de ameixas, polbo con ameixas,... tanto en formato tapas como en racións ”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, declarou: “grazas á colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo puidemos desde Acisa organizar esta nova cita repartindo 250 quilos de ameixa xapónica galega gorda, que se traduce nunhas 12.000 unidades deste bivalvo, que distribuímos entre os bares, mesóns e restaurantes que participan nestas xornadas sen ningún tipo de custe para eles, ademais de 5.000 manteis individuais de papel. Cada local recibe 12 quilos de ameixa, adquirida a un provedor local, que é asociado de Acisa”.
E engadiu: “esta é xa a sexta vez que desde Acisa regalamos materia prima para a elaboración das tapas e dos pratos ás nosas asociadas e asociados, co obxectivo de aforrarlles custes nalgunhas das campañas que lles propoñemos. Ademais queremos botar unha man e axudar á dinamización do sector hostaleiro nestas datas previas ao verán, a piques de dar comezo a tempada alta, e poñer en valor un produto como a ameixa, aproveitando que son os días mais grandes do ano, cun plan gastronómico inigualable, ofrecendo unha alternativa aos ribadenses e á veciñanza doutras localidades da Mariña e do Occidente asturiano así como aos turistas que xa nos visitan nestas datas. Agardamos desde Acisa que sexa unha fin de semana de moito movemento en Ribadeo”.
A presidenta de Acisa subliñou que “para esta actividade percibimos da Área de Mar da Deputación de Lugo unha achega de 8.000 euros, que lle queremos agradecer expresamente, xa que nos permite seguir a traballar na entrega de materia prima gratuíta para a celebración de xornadas gastronómicas, que teñen un gran éxito e acollida tanto entre os negocios locais participantes como entre a súa clientela. Esta directiva iniciou esta liña de traballo no ano 2022 e así agardamos seguir coa axuda de administracións públicas, entidades e patrocinadores”.
Pérez Prada dixo: “queremos contribuír á concienciación da importancia de consumir produtos do mar, de proximidade e de procedencia galega, por saúde e por sabor e da necesidade de facer pobo entre todas e todos. Desde Acisa queremos agradecer a colaboración e o apoio da Área de Mar da Deputación de Lugo, que foi vital para poder celebrar esta actividade.”
Presidenta e xerente agardan que “estas xornadas sexan un éxito ao igual que o foron as da lura, as da merluza de Burela, as da cabala ou as do peixe espada”.
Toda a información sobre as propostas dos 21 locais participantes pode atoparse na web e nas redes sociais de Acisa.