
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo ten todo listo para o sorteo do seu Pasaporte, unha campaña novidosa para dinamizar o comercio e a hostalería locais, que se desenvolveu durante máis dun mes. O broche final será o sorteo ante notario dunha viaxe a Lanzarote este domingo, día 14 de xuño, ás 14:00 horas.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que “esta campaña impulsada por Acisa Ribadeo e denominada o Pasaporte é unha iniciativa que combinou compras, lecer e premios para incentivar o consumo no comercio e na hostalería locais durante máis dun mes, e que este domingo chega o seu remate co sorteo que faremos ás dúas da tarde”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, explicou que “desde o 8 de maio ata o 14 de xuño veciñanza e visitantes puideron participar nesta proposta dinámica que premia a fidelidade nos negocios de proximidade. De cara á xornada do domingo compre recordar as normas básicas: as persoas participantes deberán completar un pasaporte con 10 selos diferentes -4 de comercios e 6 de establecementos de hostalería ou servizos- en negocios asociados a Acisa Ribadeo. Puxéronse en circulación 20.000 pasaportes para esta novidosa campaña. Entre todos os pasaportes correctamente cubertos sortearase un atractivo premio: unha viaxe para dúas persoas a Lanzarote, cunha estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo, ante notario, celebrarase o domingo ás 14:00 horas na Rúa San Francisco, nun evento público que contará coa animación musical do grupo Nuevo Ritmo, dentro da programación do Domingueo en Ribadeo. Será na entrada do parque, A xornada será unha auténtica festa do comercio e da hostalaría locais”.
E engadiu que “ademais ese mesmo día as persoas participantes poderán gozar da Ruleta da Sorte, con máis de 1.000 premios directos, engadindo emoción e recompensas inmediatas á campaña. A ruleta estará instalada tamén na Rúa San Francisco, pero un pouquiño máis arriba, entre as entradas do parque, dende as 11:00 ata as 14:00 horas. Rematará co fin de existencias dos premios. Haberá diferentes agasallos en xogo coma 100 parasoles para o coche, 100 mochilas, 100 bolsas de praia, 100 gorras, 200 bolígrafos, 200 blocks de notas, 200 chaveiros, 80 camisetas e 80 sudadeiras cun novo deseño da nosa querida vila, de Ribadeo, que serán perfectos para usar este verán”.
Desde Acisa destacan que “cada pasaporte da dereito a unha soa tirada na ruleta. Aquelas persoas que teñan máis dun pasaporte deberán volver poñerse á cola para probar sorte de novo. E ao remate da ruleta darase un tempo prudencial para poder depositar na urna os pasaportes que queden pendentes”.
Carmen Cruzado indicou que “o persoal de Acisa comprobará dende as 11:00 horas que os pasaportes cumpran coas normas da campaña. Somos conscientes de que puido haber algún erro á hora de selar nos ocos pertinentes en función do sector de cada negocio, ou incluso na consideración do sector dalgún negocio, como gasolineiras, farmacias... pequenos erros deste tipo non se terán en conta, o que se esixirá é que cada pasaporte teña 4 selos de comercio e 6 de hostalería e servizos. Para iso, dentro da marxe que nos permiten as bases, o noso persoal autorizará a participación na ruleta, e a notaria ratificará que o pasaporte afortunado cumpra con eses requisitos esixidos”.
Cruzado Iglesias salientou que “con esta acción Acisa Ribadeo aposta por unha fórmula diferente que non só impulsa as vendas, senón que tamén reforza o vínculo entre a clientela e os negocios locais, promovendo un modelo de consumo sostible e de proximidade. O Pasaporte non é só unha campaña, é unha invitación a descubrir, gozar e apoiar o tecido comercial de Ribadeo. Animamos a aproveitar estas dúas xornadas que faltan ata o domingo para que a xente que teña pasaportes os complete e incluso que aqueles que se animen collan os últimos que están dispoñible nos negocios e os enchan de selos”.
Pérez Prada recorda que “esta iniciativa de Acisa é a primeira de varias das actividades que presentamos este ano, para conmemorar e celebrar coa nosa clientela o Premio Nacional de Comercio Interior. E qué mellor forma de facelo que co pasaporte dunha viaxe a Lanzarote durante 4 días con todo incluído. Os sorteos das viaxes que facemos desde Acisa son un auténtico reclamo para toda a clientela da contorna. Animámosvos a desfrutar dun domingo diferente en Ribadeo”.


