
A parroquia de Rúa acollerá desde este venres, 30 de xaneiro, ao luns 2 de febreiro unha nova edición das tradicionais festas da Candelaria, a primeira celebración patronal do ano no municipio, anuncia o Concello de Cervo.
A programación foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; o concelleiro Adrián Arias; xunto con membros da Comisión de Festas e da SD Candelaria, entidade encargada da organización da Festa dos Callos.
Os festexos arrincarán o venres 30 de xaneiro coa celebración da III Festa dos Callos, que dará comezo ás 21:00 horas. A partir das 22:30 horas terá lugar unha gran verbena coa actuación de Los Satélites, seguida da Disco Móbil Conxuro, que se encargará de prolongar a festa. O prezo é de 12 euros, e os tickets están dispoñibles en diferentes establecementos hostaleiros da comarca e tamén a través do teléfono 615.17.74.31.
O sábado 31 de xaneiro ás 13:00 horas celebrarase unha misa cantada polo Coro Parroquial de Cervo, seguida de procesión acompañada dos gaiteiros de Ledicia. A continuación haberá sesión vermú con Primera Línea. Pola noite, a partir das 22:00 horas celebrarase unha gran verbena con Origen e Olympus.
O domingo 1 de febreiro, ás 13:00 horas, terá lugar unha misa cantada de novo polo Coro Parroquial de Cervo e procesión acompañada dos Gaiteiros de Ledicia. A xornada continuará cunha sesión vermú longa a cargo do Grupo Fénix.
Finalmente, o luns 2 de febreiro, día grande da patroa, celebrarase ás 13:00 horas unha misa cantada polo Coro Parroquial de Cervo, seguida de procesión acompañada de gaiteiros.
A alcaldesa destacou “a relevancia destas festas para a vida social e cultural do municipio e sinalou que a Candelaria é unha celebración moi querida, que cada ano reúne a veciñanza arredor das nosas tradicións e contribúe a dinamizar a parroquia”. Así mesmo puxo en valor “o traballo da Comisión de Festas e da SD Candelaria por facer posible un programa atractivo e de calidade”.
Desde o Concello de Cervo anímase a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a participar nas festas da Candelaria, “unha cita que combina tradición, gastronomía e música, e que marca o inicio do calendario festivo no municipio”.


