
O grupo Trípode Teatro estreará a obra titulada Desequilibrados, escrita por Pepe Peinó, o día 3 de xaneiro, sábado, ás 20:00 horas na Casa da Cultura Manuel Lourenzo, do Valadouro.
“Os de Trípode levamos varios meses traballando intensamente na nosa nova obra, titulada Desequilibrados. Por fin, o vindeiro 3 de xaneiro de 2026, co novo ano xa andando, estrearémola en Ferreira do Valadouro, ás 20,00 horas. Antes de nada, debemos mostrar o noso sincero agradecemento ao concello do Valadouro e á súa área de Cultura por todas as axudas e facilidades que nos deron para levar adiante os ensaios e, finalmente, a estrea; a Juan Novás, técnico de cultura do Valadouro, polo seu xeneroso traballo, que nos beneficia a todos; a Suso Rubio, tamén técnico de cultura do Valadouro, por regalarnos a súa creatividade en forma deste cartel, unha auténtica marabilla. Nunha fantasía espacial, queremos facer un canto de louvanza á diferenza, á riqueza que supón que cada un sexamos á nosa maneira. Queremos destacar os perigos que contén a igualación, a masificación, o feito de que nos convertamos en fotocopias iguais dunha idea dirixida por outros. Por iso, aínda que Desequilibrados, como sempre, é unha comedia, non deixa de ter unha mensaxe final profunda”, anuncia o grupo Trípode.


