
Os concellos de Alfoz e O Valadouro presentaron a V Carreira Popular Alfoz-Valadouro, que se celebrará o vindeiro sábado 3 de outubro, “consolidándose como unha cita deportiva e de convivencia entre os dous municipios”.
Na presentación participaron Manolo Cadramón, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo; Daniel García, deputado provincial de Mocidade; Efigenia Maseda, alcaldesa de Alfoz; José Manuel Lamela, alcalde do Valadouro; e Eliseo Lorenzo e Senén A. Castro, concelleiros de Deportes de Alfoz e do Valadouro respectivamente.
Nesta quinta edición a proba absoluta partirá do pavillón municipal de Alfoz ás 10:30 horas e terá a meta no pavillón municipal do Valadouro, cun percorrido de 6,6 quilómetros. Previamente, ás 10:00 horas, terá lugar a andaina popular sobre a mesma distancia.
A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, destacou que “chegar á quinta edición demostra que esta carreira se foi consolidando como unha cita deportiva dos dous concellos. É unha iniciativa que nos permite unir Alfoz e O Valadouro a través do deporte, fomentar hábitos de vida saudables e dar a coñecer o noso territorio”.
Pola súa banda, o alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela, puxo en valor “a colaboración entre os dous concellos para sacar adiante iniciativas compartidas que benefician á veciñanza”, sinalando que “esta carreira representa moi ben esa colaboración entre Alfoz e O Valadouro e queremos que continúe medrando ano tras ano”.
A xornada completarase a partir das 11:30 horas coas carreiras das categorías menores no Valadouro, con distancias adaptadas ás diferentes idades, desde os 200 metros dos máis pequenos ata os 1.750 metros das categorías Sub14 e Sub16.
A organización contará tamén cun servizo de autobuses entre O Valadouro e Alfoz para facilitar os desprazamentos dos participantes. As inscricións permanecerán abertas ata o 1 de outubro, sendo gratuítas para as categorías menores. As 200 primeiras persoas inscritas recibirán a camiseta conmemorativa da proba.
Os concellos de Alfoz e O Valadouro agradecen a colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo, así como de todas as persoas e entidades implicadas na organización, e animan á veciñanza da comarca a participar “nunha xornada na que deporte, convivencia e cooperación entre ambos municipios volverán ir da man”.
O deputado provincial Daniel García participou na presentación da V Carreira Popular Valadouro-Alfoz e valorou “a contribución destas probas populares a fomentar
hábitos de vida saudables e tamén ao dinamismo social nos concellos”.


