
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha un nova iniciativa de promoción da artesanía, o programa Mans artesás, co que profesionais da provincia ofrecerán demostracións, obradoiros e cursos de diferentes oficios tradicionais e manuais. Cestería, olería, traballo con coiro, técnicas de tecido ou torneado e tallado de madeira son algunhas das actividades incluídas neste programa, que se desenvolverán en función da dispoñibilidade das artesás e artesáns participantes.
O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da área de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou que “o programa pretende fomentar a presenza da artesanía e dos oficios tradicionais en feiras e actos culturais ou de promoción do territorio e na oferta de actividades formativas ou lúdicas que ofrecen asociacións e colectivos veciñais ao longo do ano”.
Efrén Castro destacou que “a iniciativa amplía o apoio que se ofrece desde a institución provincial a un sector que conserva, difunde e actualiza coñecementos e técnicas que forman parte do noso patrimonio inmaterial e que desenvolve unha actividade económica sostible, ligada ao territorio e ao consumo responsable”
A Vicepresidencia da Deputación tamén explica que “Mans artesás ofrece a asociacións e entidades sen ánimo de lucro a posibilidade de incluíren demostracións, obradoiros e cursos dentro das súas programacións ou eventos, de forma gratuíta, xa que as artesás e artesáns son retribuídos pola área de Artesanía e Deseño. Os profesionais da artesanía que desexen acollerse ao programa Mans artesás deben inscribirse a través dun formulario de adhesión dispoñible na web cultura.deputacionlugo.gal, no que se especifican os requisitos a cumprir. As asociacións e colectivos interesados en programar estas actividades deben remitir un correo electrónico á dirección formacion.centrad@deputacionlugo.org cunha antelación mínima de 20 días con respecto á data de inicio da actividade. As solicitudes atenderanse por orde de recepción e até esgotar o orzamento previsto, de 70.000 euros”.


