Este sábado, 18 de maio, celebrarase en Foz a sétima edición da Carreira Popular Urbana Campo da Cabana, que este ano conta coa novidade de dúas distancias para a carreira absoluta, 5 e 10 quilómetros.
Os organizadores explican que “o percorrido merece a pena pola súa vistosidade posto que vai polo litoral e as praias focenses, cun trazado suave e divertido. Ademais o evento contará con carreiras para as categorías de formación no entorno da praza Rosalía de Castro, coñecida como Campo da Cabana e que dá nome á proba, organizada polo Club Atletismo Ría de Foz, en colaboración con RunFozRun e o Concello de Foz”.
Todos os corredores da carreira absoluta e os participantes na andaina recibirán como obsequio unha camiseta conmemorativa ademais de avituallamento líquido e sólido para todos los participantes.
“Ao ser unha data significativa, o día despois das Letras Galegas, queremos que sexa un día festivo de deporte e ocio; e grazas á axuda dos Lambóns contaremos con gaitas que amenizarán a saída e chegada dos corredores e que darán un toque especial e de identidade a esta data tan sinalada na nosa comunidade”, destaca a directiva do club organizador.
O evento foi presentado cun acto ao que asistiron Simeón Neira (concelleiro de Deportes en Foz), José Carlos Paleo (presidente de ACIA Foz) e Patricia y Rosalía (representantes da directiva do Club Atletismo Ría de Foz).
As inscricións están abertas ata este mércores, 15 de maio, na web www.sportmaniacs.com.