Viveiro acolle o 29 de xuño unha xornada divulgativa sobre a eclipse de sol do 12 de agosto

O Concello de Viveiro anuncia que a alcaldesa, Mariña Gueimunde, presidirá o luns 29 de xuño unha xornada divulgativa sobre a eclipse total de sol que terá lugar o 12 de agosto. A actividade, impulsada pola Deputación de Lugo, celebrarase ás 19:30 horas no Multiusos e contará coa intervención de Lucía González Cuesta, doutora en Astrofísica e divulgadora científica. A entrada será libre ata que se complete o aforo.

“O Goberno municipal apostou por que Viveiro formase parte desta programación divulgativa e facilitou a celebración da sesión no municipio, ante o interese científico, social e turístico dun fenómeno que situará á provincia de Lugo entre os territorios máis destacados para a observación da eclipse”, explica o Concello, que engade: “a alcaldesa Mariña Gueimunde mantén un especial interese por esta cuestión e por que a veciñanza coñeza con antelación o significado e as particularidades da eclipse, así como as medidas preventivas necesarias para observala con seguridade”.

Durante a charla, Lucía González Cuesta explicará as características da eclipse, a súa relevancia científica e as recomendacións que se deben seguir para contemplala de forma segura. A sesión permitirá achegar información práctica á veciñanza antes desta cita astronómica excepcional.

O Concello considera “importante que Viveiro e o conxunto da Mariña estean preparados para un acontecemento que pode atraer persoas afeccionadas á astronomía e visitantes”.