
O Centro Comercial Histórico de Viveiro pon en marcha de novo os xoves de tapeo cunha nova edición do Juepeo, unha proposta gastronómica que “xa leva 11 anos en marcha e é unha iniciativa consolidada na vila”. Retoma este xoves, 8 de outubro, “unha das súas citas gastronómicas máis populares: o Juepeo, que regresa este mes de outubro para converter os xoves nunha oportunidade perfecta para saír, probar novas propostas e desfrutar da hostalería local”.
Cada xoves os 15 locais participantes ofrecerán unha tapa especialmente elaborada para a ocasión, “cunha ampla variedade de propostas gastronómicas: desde croquetas, hamburguesas e tortillas ata raxo, cachopo, polbo, vieiras, pratos internacionais e outras creacións pensadas para sorprender aos clientes. Os participantes son: Muro Restaurante, Vinoteca Los Leones, Cornelius Taberna, La Tortilla Maravilla, Casa Pepi, Mesón O Recuncho, Asador By Jorla, O Rincon do Tronco, Coffee Urban Roaster Bar, Atlántico Gastrobar, Mesón A ría, Pulpería O Panadeiro, A Zapatería Bar, Cafetería 12 e Gato Pardo. O prezo da tapa segue sendo de 3,50 euros, permitindo así descubrir diferentes propostas da hostalería a un prezo económico e facer do xoves unha auténtica festa gastronómica”, explica o Centro Comercial Histórico de Viveiro, que ademais anuncia: “o Juepeo chega tamén con premio. As persoas que participen poderán optar a un premio de 200 euros. Para participar será necesario cubrir a papeleta que se entregará coa tapa e depositala na urna habilitada en cada local participante. Unha forma máis de incentivar a participación e premiar a aquelas persoas que se animen a probar as tapas”.
Tamén destaca que “despois do tapeo temos o D´Copeo. Para completar a experiencia, o Juepeo incorpora tamén o D´copeo, unha proposta pensada para continuar a noite despois do tapeo. Os establecementos participantes ofrecerán cocktails diferentes por 5 euros, creando así unha segunda parte da xornada gastronómica e de ocio. Deste xeito, o Juepeo pretende converter os xoves nunha cita habitual para saír, consumir no comercio e na hostalería local, descubrir novos sabores e desfrutar de Viveiro”.
O CCHV anima tanto á veciñanza como ás persoas que visiten a cidade a participar nesta nova edición e a facer dos xoves “días de encontro, gastronomía e diversión”.


