
O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a asistir o sábado 2 de maio á X Foliada e á Feira de Artesanía, que terá lugar na Praza do Souto durante todo o día.
“O día está repleto de actividades diversas pensadas para desfrutar con amigos e familia”, anuncia o Concello de Cervo, que especifica: “ás 10:00 horas haberá un obradoiro de Percusión Miúda, con Ramón Dopico, nas Escolas Vellas de Cervo, que dará paso á apertura da Feira de Artesanía e Alimentación. Tamén pola mañá haberá un roteiro interpretativo (A flora do Camiño Real de Cervo) con Pedro Rolle que partirá ás 11:00 horas da Praza do Souto. Ao mediodía arrincarán os Pasabares coa participación de agrupacións de diferentes puntos da bisbarra. A continuación está prevista a sesión vermú con Mediarea. Xa pola tarde haberá un obradoiro de baile foliadeiro con Xabi Iglesias e Xogos Tradicionais e Animación Musical. Ás 18:30 horas será a Foliada. Como peche de festa ás 22:00 horas terá lugar o concerto de Os Viqueiras, seguido de Foliada Libre e Queimada e tamén do Baile do Farolillo”.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, convida á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse a Cervo “para desfrutar dunha xornada na que tradición, cultura e artesanía se mesturan nun marco privilexiado como é a capitalidade municipal”.
A rexedora quixo tamén poñer en valor o traballo das entidades organizadoras -A Morena, Fervenza de Sargadelos e Fol do Raxal- destacando “o seu compromiso constante e a súa implicación durante todos estes anos”. Subliñou ademais “a importancia desta edición especial, coincidindo co décimo aniversario da celebración, unha data sinalada que consolida o evento como unha referencia cultural no municipio e que amosa a forza do tecido asociativo local”. Finalmente animou a toda a cidadanía a “participar, gozar da festa e compartir unha foliada chea de identidade, música e tradición, que ao longo destes dez anos se converteu nun punto de encontro imprescindible para a cultura popular da contorna”.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora con este evento e anuncia que “Fervenza de Sargadelos, Fol do Raxal e A Morena organizan esta xornada cun amplo programa musical, con actuacións de Mediarea (14.00 horas) e Os Viqueiras (22.00 horas), ademais dunha ducia de grupos de música tradicional no pasabares e na foliada”.
O deputado provincial de Mocidade, Daniel García, participou na presentación do cartel, na que parabenizou ás asociacións organizadoras “polo traballo desenvolvido para chegar a este décimo aniversario” e reafirmou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co asociacionismo de base, cun papel chave na dinamización cultural e, neste caso moi especialmente, na conservación e na promoción da música tradicional”.


