A XII Carreira das Praias de Barreiros, que será este venres, 3 de abril, suma máis de 500 participantes

Barreiros será sede da XII edición da Carreira das Praias este venres, día 3 de abril con saída na Praia de Coto. Contará tamén cunha andaina de 9 quilómetros polas praias do concello. “Unha edición de récord”, así a define a organización, composta pola asociación Praias de Comado en colaboración do Concello de Barreiros, que a integra no seu Circuíto +Kms Barreiros 2026. Este evento, que mestura actividade deportiva con natureza en estado puro contará cunha carreira absoluta de 7 quilómetros, que suma 261 inscritos, sumados aos preto de 180 nenos e nenas das categorías menores e aos 70 participantes na andaina, anuncia o Concello de Barreiros.

As persoas inscritas deberán recoller o dorsal na carpa habilitaba polo Concello de Barreiros no aparcamento de Coto ata 15 minutos antes da saída de cada proba.

O Concello de Barreiros tamén explica que “como xa é habitual en todas as carreiras do Circuíto barreirense, todos os menores levarán unha medalla de recordo por participar a maiores dos distintos podiums das categorías competitivas. Na carreira absoluta o vencedor e a vencedora individual e o primeiro club clasificado conseguirán un lote de produtos de porco celta grazas á colaboración de Asoporcel co Circuíto +KmsBarreiros”.

A carreira das praias será a segunda proba do Circuíto +KmsBarreiros, despois da Carreira de Reis, disputada a principios de xaneiro. A esta proban chegan líderes da xeral os corredores Óscar Buján e Carla Trillo.