A XII Carreira Popular das Praias de Barreiros será o venres 3 de abril

Este mércores tivo lugar a presentación da XII edición da Carreira Popular das Praias, unha cita consolidada no calendario deportivo da Mariña e que volverá a reunir a centos de persoas o vindeiro venres, 3 de abril, anuncia o Concello de Barreiros. No acto participaron membros da entidade organizadora, a asociación cultural e deportiva Praias de Comado, xunto coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, o concelleiro de deportes e deputado provincial, Dani García, e o xefe provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero.

O Concello de Barreiros tamén explica que “a proba principal contará cun percorrido de 7,5 quilómetros pola area das praias do municipio, con saída e chegada na praia de Coto. Un trazado que combina deporte e paisaxe e que permite ás persoas participantes percorrer boa parte do litoral de Barreiros, un entorno único. Ademais da carreira absoluta, a xornada inclúe probas para as categorías de menores que teñen a inscrición gratuíta. Tamén existe a posibilidade de participar nunha  andaina paralela de 9 quilómetros pensada para gozar igualmente do entorno pero a un ritmo máis tranquilo. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 31 de marzo e debe facerse a través da web do circuíto +kmsBarreiros. A día de hoxe, a cita supera xa as 300 persoas inscritas, o que confirma o interese que esperta esta proba edición tras edición. Esta carreira será, ademais, a segunda proba do circuíto de carreiras populares +kmsBarreiros, unha iniciativa promovida polo Concello de Barreiros para fomentar a práctica deportiva e dinamizar o territorio a través de eventos ao aire libre”.

Dende a organización animan tanto á veciñanza de Barreiros como a persoas chegadas doutros puntos a participar nunha xornada que “combina deporte, convivencia e posta en valor do entorno natural do municipio”.