A XII edición da carreira “1/2 km Vertical Monte Comado” disputarase este domingo, 19 de xullo, en Barreiros

Este domingo, día 19 de xullo, Barreiros acollerá a duodécima edición da carreira popular 1/2 km Vertical Monte Comado, un evento deportivo singular que xa conta con máis de 150 persoas inscritas para esta edición, anuncia o Concello de Barreiros.

A proba está organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Praias de Comado en colaboración co Concello de Barreiros, e conta coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Agrupación de Protección Civil de Barreiros. A carreira forma parte do circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros que organiza o Concello de Barreiros sendo esta a terceira proba das cinco que o compoñen nesta edición 2026.

A presentación da xornada deportiva contou coa presenza da alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; do xefe provincial de deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, e do concelleiro de Dinamización, Dani García, xunto con membros da asociación Praias de Comado.

A alcaldesa destacou: “seguimos apostando por actividades que, ademais de fomentar hábitos de vida saudables, contribúen a facer comunidade e a dar a coñecer os espazos máis singulares do noso municipio. A 1/2 km Vertical Monte Comado é unha mostra do importante papel que desempeñen as asociacións na dinamización de Barreiros e de como a colaboración entre administración e tecido asociativo permite consolidar proxectos que medran edición tras edición".

O concelleiro de Dinamización, Dani García, sinala que “o feito de estar integrada no circuíto +KmsBarreiros dálle a cada proba unha identidade común, respectando ao mesmo tempo as características que fan única cada carreira. Esta fórmula permite consolidar un calendario deportivo variado e seguir impulsando a participación ao longo de todo o ano”.

O Concello de Barreiros explica que “as competicións darán comezo ás 10:30 horas co Trail infantil no entorno de A Roda, subindo dende as escolas de Reinante. Posteriormente, ás 11:30 horas, dará comezo a carreira absoluta coa saída a nivel do mar, desde a praia de Arealonga, e meta no cumio do Monte Comado. A distancia é de aproximadamente 4 quilómetros salvando un desnivel positivo de 490 metros que se atopa maiormente na última parte, o que lle dá nome á carreira. A inscrición está aberta ata este xoves, 16 de xullo, ás 23:59 horas a través de maiskmsbarreiros.gal e ccnorte.com, cun custo de 10 euros. O día da proba, se quedan dorsais, o prezo será de 15 euros. O trail infantil é de balde”.

Na carreira absoluta o vencedor e a vencedora individual e o primeiro club clasificado conseguirán un lote de produtos de porco celta grazas á colaboración de Asoporcel co Circuíto +KmsBarreiros.