As “Xornadas Inspiracionais do ADN Gastronómico” celebraranse o luns 22 de setembro en Viveiro

Viveiro será escenario o luns 22 de setembro, no Teatro Pastor Díaz, das Xornadas Inspiracionais do ADN Gastronómico, baixo o lema Cociñar o futuro. Trátase dun encontro dirixido a entidades, profesionais e axentes do ecosistema gastronómico e turístico da vila que servirá para compartir coñecemento, presentar resultados e inspirar o futuro da identidade culinaria de Viveiro.

As xornadas, organizadas polo Concello de Viveiro e Prato_DO, contarán coa participación de expertos e profesionais de referencia no ámbito gastronómico e cultural como Iñaki Gaztelumendi (Spain Culinary Villages), Carlos Nuevo (Cronista Oficial de Viveiro), Lucas Requejo (Prato_DO), Silvia Sánchez e Silvia Timón (ADN Sapiens), Iago Pazos (Abastos), Jorge Guitián (Colectivo Gastronómico A Mariña) ou Daniel Suárez (Asociación de Emprendimiento Rural Sostenible).

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, destacou que “Viveiro ten unha identidade gastronómica que é parte esencial do noso patrimonio cultural e turístico. Con iniciativas como esta reforzamos o noso papel como referente e abrimos novas oportunidades de futuro para a economía local e o benestar da veciñanza”.