As xornadas técnicas e o encontro empresarial de Expomar analizan os días 13 e 14 de maio en Burela a situación da pesca

O porto de Burela acolle esta semana, o mércores 13 e o xoves 14 de maio, as 33ª Xornadas Técnicas e o 27º Encontro Empresarial, que organiza un ano máis a Fundación Expomar co cofinanciamento da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.

A Fundación Expomar anuncia que “os profesionais e entidades máis representativas do sector pesqueiro a nivel nacional e europeo danse cita en Burela para abordar os principais retos e dificultades actuais na pesca e debater acerca do futuro do sector pesqueiro”.

Na apertura das Xornadas 2026, que se volverán celebrar no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela, e que se poderán seguir en directo a través da web de expomar.com, estará presente a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, acompañada polo director general de Pesca Sostenible do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Ramón de la Figuera, e a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López.

Ao longo da mañá celebraranse tres mesas de debate nas que se tratarán as principais preocupacións da pesca. Na primeira delas debaterase sobre a xestión pesqueira desde as diferentes visións do sector e administración, coa participación de Javier Garat, representando a Cepesca e Europeche; Torcuato Teixeira, en nome da Federación Nacional de Cofradías; e Ramón de la Figuera, do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

No segundo dos coloquios debaterán sobre Futuro, relevo xeracional e formación Francisco González, docente en EONP Gijón e ex-director general de Pesca del Principado de Asturias; Ángeles Vázquez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia; e Manuel Pablos López, subdirector general de Sostibilidad Económica y Asuntos Sociales do MAPA.

A sesión matinal das Xornadas Técnicas pecharase coa mesa sobre Sostibilidade, socioeconomía e consumo, na que intervirán os catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela María Bastida e Gumersindo Feijóo, xunto coa nutricionista Adriana Férnandez.

A sesión de tarde iniciarase ás 15:30 horas cunha presentación a cargo da directora general de Marina Mercante, Ana Nuñez, acerca da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.

A Fundación Expomar tamén explica que “as Xornadas Técnicas 2026 pecharanse cunha novidosa mesa coloquio na que se debaterá sobre a pesca no Parlamento español, coa intervención de tres parlamentarios galegos en Madrid: Rosa Quintana, do Partido Popular; Patricia Otero, do Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE; e Néstor Rego, do Bloque Nacionalista Galego.

As xornadas estarán guiadas e moderadas pola comunicadora e presentadora de Televisión de Galicia Lucía Rodríguez.

Previamente, o mércores 13 de maio pola tarde, celébrase nas instalacións de Armadores de Burela o 27 Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, no que “as entidades sectoriais máis representativas do sector pesqueiro do ámbito galego, español e europeo volverán reflexionar sobre os principais retos da Pesca”.

Froito deste novo Encontro redactaranse as Conclusións 2026, que resumirán as decisións tomadas durante a sesión e que se farán públicas o día seguinte ao inicio das Xornadas Técnicas.