A Biblioteca Municipal de Foz convocou o XV Concurso de Postais de Nadal, que é o decano da comarca en versión tradicional. E a Delegación de Cultura abriu o prazo para presentarse a raíña ou rei do Entroido focense 2017.

A Biblioteca Municipal de Foz convocou o XV Concurso de Postais de Nadal, que é o decano da comarca en versión tradicional. E a Delegación de Cultura abriu o prazo para presentarse a raíña ou rei do Entroido focense 2017.
 
A biblioteca pública de Foz acaba de convocar a décimo quinta edición do concurso de postais de Nadal, que é o decano da comarca en versión tradicional, segundo destacou a bibliotecaria municipal, María Jesús Álvarez.
 
No certame poderán participar todos os rapaces de ata 16 anos que o desexen e as postais deben realizarse en cartolina cun tamaño de 16 por 11 centímetros e no seu reverso teñen que figurar os seguintes datos: nome, idade, dirección, número de teléfono e centro no que estudan. O primeiro premio consistirá na reprodución da postal como felicitación oficial do Concello de Foz para o vindeiro Nadal, que se elixirá entre as tres categorías establecidas, que son: infantil A, ata 6 anos de idade, para a que hai un primeiro e un segundo premio, que son lotes de libros; infantil B, de 7 a 10 anos, para a que se establece un primeiro premio de 40 euros e libro e un segundo de 25 euros e libro; e xuvenil, de 11 a 16 anos, para a que hai un primeiro premio de 60 euros e libro e un segundo de 40 euros e libro.
 
Os traballos hai que entregalos na biblioteca pública municipal de Foz e o prazo de presentación rematará o día 2 de decembro. O fallo do xurado darase a coñecer en días posteriores e a entrega dos premios farase nun acto que se celebrará na Casa da Cultura.
 
Raíña ou rei do Entroido
Por outra parte, a Delegación de Cultura do Concello de Foz abriu o prazo para presentarse a raíña ou rei do Entroido focense 2017. Os maiores de 18 anos interesados deberán entregar na Casa do Concello a seguinte documentación: os seus datos persoais, 2 ou máis fotografías recentes e un escrito explicando brevemente por que lle gustaría ser raíña ou rei do Entroido de Foz. O prazo remata o día 25 deste mes e a cea de coroación da raíña ou rei do Entroido celebrarase o sábado 11 de febreiro de 2017.