A Comisión do Entroido 2015 de Ribadeo ultima a gala "Que non cha conten" do vindeiro sábado. O programa de todos os actos xa está na rúa.

A Comisión do Entroido 2015 de Ribadeo ultima a gala "Que non cha conten" do vindeiro sábado. O programa de todos os actos xa está na rúa.
 
A comisión organizadora do Entroido de Ribadeo última os preparativos para a celebración dos actos festivos que se desenvolverán ao longo dos vindeiros días na vila. O sábado terá lugar a primeira gala de Entroido, Que non cha conten!, coa lectura do pregón a cargo de Piti Alonso, acompañado de Coté Ventura, Inés Nécega e membros da Escola Municipal de Música de Ribadeo. Será a partir das 21 horas no Cine Teatro. 
O presidente da comisión ribadense do Entroido, David Martínez, explicou que “xa queda pouco para o Entroido de Ribadeo, así que esperamos que toda a xente teña xa preparados os seus disfraces e veña a gozar desta festa connosco. Recordamos que o sábado temos unha preciosa gala de Entroido cun montón de sorpresas e moito humor. Esperamos que veña todo o mundo e goce dela. Será a partir das 21:00 horas, con entrada gratuíta, pero abriremos as portas ás 20:00 horas para que a xente vaia vindo pouco a pouco e non teña que quedarse sen sitio”. 
A gala deste sábado comezará coa saída da carroza do Entroido ás 20:00 horas do Parque San Francisco. Esta carroza irá acompañado pola comparsa da peña Os Vinagres ata a súa chegada ao Cine Teatro de Ribadeo. Alí será recibida polas charangas locais Aturuxo e A Choca, que animaran a rúa ata o inicio do evento. Posteriormente, e xa no interior do Cine Teatro levarase a cabo a lectura do pregón por parte do empresario da comunicación Piti Alonso, que estará acompañado por Coté Ventura e Inés Nécega. Na gala, que estará chea de humor e sorpresas como adianta a organización, actuarán tamén membros da Escola Municipal de Música de Ribadeo. 
O 15 de febreiro celebrarase o xa tradicional Domingo Lardeiro coa saída da Comparsa do Cocho ás 11 da mañá polas rúas da vila.  Ese mesmo día pola tarde terá lugar o baile infantil a partir das 17:00 horas na sala de festas Rosa Lar. O Luns Fareleiro será o día dedicado á hostalería coa celebración do concurso Os m@is larpeiros: durante todo o día @s máis larpeir@s poderán degustar o cocido do Entroido nos restaurantes adheridos, e participar nese concurso que se desenvolverá no facebook oficial do Entroido de Ribadeo. 
Do 12 ao 18 de febreiro estará en marcha un concurso para elixir aos mellores disfraces que percorran as rúas e os establecementos de Ribadeo. Haberá premios en diferentes categorías: mellor disfraz individual, en parella, de grupo e mellor local e profesional/camareir@ caracterizad@. E o luns, 16, haberá unha nova APP para participar na categoría d@s máis larpeir@s. Esta só estará vixente do 16 ao 18 de febreiro e nas fotos deben aparecer os participantes, sos ou en compañía, comendo o cocido e celebrando o Entroido nun dos restaurantes adheridos. Desde a organizan piden que “ninguén se esqueza de facer as súas fotos durante estas festas e subilas a esa páxina porque hai moitos premios en xogo”. 
O martes, 17 de febreiro, terá lugar o gran desfile de Entroido a partir das 17:00 horas con premios individuais e para parellas, grupos carrozas, contracharangas e charangas. O desfile partirá da Estación de Autobuses e percorrerá as rúas Rosalía de Castro, San Roque, Virxe do Camiño, Avenida de Galicia, J. V. Pérez Martínez, Avenida de Asturias, Clemente Pasarón e Dionisio Gamallo Fierros, desembocando no Concello. Os participantes deberán inscribirse entre as 15:00 e as 16:30 horas na mesa que estará  instalada na Estación de Autobuses e terán que situarse no posto asignado 15 minutos antes do comezo do desfile. 
O programa do Entroido de Ribadeo rematará o 21 de febreiro coa tradicional Queima do Entroido.