A Delegación de Cultura de Cervo programa actividades de escritura, lectura, música, baile e humor para este mes de abril.

A Delegación de Cultura de Cervo programa actividades de escritura, lectura, música, baile e humor para este mes de abril.
 
A Delegación de Cultura do Concello de Cervo programa actividades de escritura, lectura, música, baile e humor para este mes de abril dentro do programa denominado A carón da cultura. Anunciouno hoxe a concelleira Dolores García Caramés, quen explicou que “este mes dedícase sobre todo á lectura e á escritura, coa presentación dun libro escrito por unha veciña do concello, un taller de escritura, lectura de libros e a homenaxe a Cervantes na biblioteca cos nenos, xa que en abril conmemóranse dúas datas importantes para a literatura, como son o Día do Libro Infantil e o Día do Libro”.
 
Todos os venres que restan deste mes haberá actividade do taller de teatro municipal Pimpin no auditorio da Casa da Cultura, de San Ciprián, en dúas quendas: de 16:30 a 17:30 horas e de 19:30 a 20:30.
 
Este sábado, día 9, a biblioteca municipal de San Ciprián convocará o certame de narración e debuxo infantil Letras Galegas 2016. As bases poden atoparse na Casa da Cultura, de San Ciprián, e na Casa do Concello de Cervo; ademais enviaranse aos colexios do municipio.
 
Todos os sábados que quedan deste mes haberá ocioteca na Casa do Mar, de San Ciprián, para alumnos de Infantil, de 11 a 12:30 horas; e para os de Primaria, de 12:30 a 14 horas. As inscricións poden entregarse na Casa do Mar ou na Casa do Concello e tamén se enviarán aos colexios.
 
Este vindeiro sábado, día 9, tamén haberá Contos e lerias daboapipa no auditorio da Casa da Cultura, de San Ciprián, ás 19 horas.
 
Os días 12, 13, 14, 19, 20, 26 e 27  desenvolverase en horario de tarde un taller de relato breve para maiores de 15 anos na Casa da Cultura, onde se poden anotar os interesados, que tamén poden facelo chamando ao teléfono 691.65.66.00. 
 
O sábado 16 na Casa da Cultura ás 18 horas presentarase o libro El fiel reflejo de la nada, de Patricia Calvo Beltrán. E no mesmo lugar ás 19:30 terá lugar o espectáculo Relatos en clave de fa, dentro do programa Ler conta moito.
 
O seguinte sábado, día 23, haberá unha actividade para celebrar o Día do Libro, dedicado a Cervantes, na biblioteca  da Casa da Cultura para os nenos e nenas que participan na ocioteca de 11 a 14 horas. 
 
O venres 29 terá lugar no auditorio da Casa da Cultura ás 20 horas o espectáculo Contos de humor de Carmen Conde. Contos de ultramarinos, o resultado de case 9 meses vivindo e actuando en Bos Aires.
 
E finalmente o sábado 30 no auditorio da Casa da Cultura ás 20 horas haberá unha actuación de flamenco a cargo da cantante Sandra Calderón, o bailarín Isaías Salazar e o guitarrista Miguel Flores.