A Deputación de Lugo aposta pola dinamización cultural na provincia a través da colaboración co festival Osa do Mar. O evento terá lugar en Burela os días 4 e 5 de setembro.

A Deputación de Lugo aposta pola dinamización cultural na provincia a través da colaboración co festival Osa do Mar. O evento terá lugar en Burela os días 4 e 5 de setembro.
 
O salón de actos da Deputación de Lugo acolleu esta mañá a presentación do Festival Osa do Mar, na que participou a vicepresidenta da institución Mari Teijeiro, e durante a que resaltou a transcendencia deste tipo de iniciativas tanto a nivel cultural como dende o punto de vista de promoción turística e económica dunha comarca.
O festival Osa do Mar terá lugar a fin de semana do 4 e 5 de setembro na zona da praia da Marosa de Burela e a Deputación de Lugo colabora para sufragar gastos do proxectos como a través da súa difusión. Teijeiro cualificou esta colaboración coma “unha aposta clara do goberno provincial pola dinamización cultural e xuvenil da provincia”
Mari Teijeiro agradeceu á Asociación FantoFantini o desenvolvemento deste festival de música que, segundo engadiu a vicepresidenta, se está a converter nun referente cultural e que atraeu na pasada edición a máis de 2.000 persoas ao recinto de Osa do Mar, favorecendo así a promoción turística e económica da zona.
A vicepresidenta da institución considerou necesaria a implicación da Deputación de Lugo e das institución públicas con este tipo de actividades e explicou que a divulgación se realizará tamén a través da Fundación TIC, que se encargará da elaboración dun vídeo que recolle imaxes das actividades e actuacións desta edición e que se converterá nunha fonte de promoción.
Por último, ademais de defender o carácter transversal desta iniciativa dado a súa importancia tanto a nivel de dinamización cultural como de repercusión económica e turística; a vicepresidenta tamén evidenciou que a organización deste tipo de citasfomentan o asociacionismo e a colaboración entre entidades implicando a un maior número de persoas e conseguen que os proxectos sexan cooperativos.
Programación 
No acto de presentación celebrado esta mañá participaron dous representantes da Asociación FantoFantini, Marcos Reimunde e Diego Campo, que deron a coñecer a historia do Festival Osa do Mar, así como o contido do programa para este ano, tanto as súas actividades como concertos.
Dende a asociación explicaron que o esquema inicial do programa será moi parecido “á exitosa fórmula do ano pasado. Trátase dunha oferta cultural e música innovadora sendo a plataforma para máis de 20 bandas, con música alternativa como fío condutor, chegadas tanto de Galicia como doutros puntos de España”. A maiores, a programación tamén inclúe actividades deportivas e culturais de interese que involucran a moitos públicos e asociacións.
Para máis información sobre as bandas, programa, actividades...pódese consultar a web oficial www.osadomar.com ou a páxina de facebook ‘Osa do Mar’. Do mesmo xeito, nestas plataformas recóllese a información sobre a venda das entradas.