A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra o seu Festival de Nadal este sábado, 19 de decembro, no Teatro.

A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra o seu Festival de Nadal este sábado, 19 de decembro, no Teatro.
 
A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra este sábado, 19 de decembro, no auditorio municipal Hernán Naval o seu tradicional Festival de Nadal. Este ano volve estar dividido en dúas sesións. Nunha primeira, ás 12:00 horas, actuará o alumnado de Música e Movemento, Predanza 1, 2 e 3, Preparatorio Danza, Ballet 1 e Moderno 1 e xa ás 18:00 horas o farán o resto de agrupacións instrumentais e grupos de danza e ballet da Escola.
Hugo García, o director da EMMeD, sinala que “no repertorio deste ano non faltan as panxoliñas, pero tamén hai cabida para outros ritmos como bandas sonoras, música moderna ou rumbas. O de Nadal é, xunto con fin de curso, o festival que máis éxito ten tanto entre o alumnado coma entre o público de aí que cada ano procuremos ofrecer cousas novas tanto a nivel de repertorio coma de posta en escena”.
“Pero, sen dúbida, o aspecto máis destacado do festival de Nadal, tal e como acontecera en cursos anteriores, é a súa vertente solidaria. Ao longo de toda a semana e o propio sábado á entrada do concerto, a EMMeD de Ribadeo realizará unha recollida de produtos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns...) para entregar ao departamento de Servizos Sociais do Concello co fin de que sexan distribuídos entre familias con escasos recursos da vila e das parroquias”, engade o director da Escola. Hugo García convida “a toda a comunidade educativa a que, na medida das súas posibilidades, faga unha pequena achega a esta recollida de alimentos pois cun pouco de cada un de nós podemos axudar a moitas persoas”.
O director da EMMeD de Ribadeo sinalou que “unha das apostas da EMMeD de Ribadeo é achegar durante todo o curso ao alumnado valores que vaian máis aló do estritamente musical de aí a inclusión no currículo académico do centro de aspectos como a solidariedade, a igualdade entre mulleres e homes ou a loita contra a discriminación de todo tipo”.
A EMMeD de Ribadeo pon fin deste xeito ao primeiro trimestre e retomará as clases o 7 de xaneiro.