A II Feira do Libro de Ribadeo, organizada polo Concello, terá lugar do 3 ao 5 de xullo no parque de San Francisco.

A II Feira do Libro de Ribadeo, organizada polo Concello, terá lugar do 3 ao 5 de xullo no parque de San Francisco.
 
Do 3 ao 5 de xullo terá lugar no parque de San Francisco a segunda edición da feira do libro de Ribadeo, recuperada o ano pasado. O evento no que haberá diferentes actividades para nen@s e adultos foi presentado esta tarde na Biblioteca Municipal polos concelleiros Mariluz Álvarez Lastra e Farruco Graña e polas librarías ribadenses participantes. 
As nove casetas de feira do libro abrirán en horario de 12 a 14 horas e de 18 a 22 horas. A inauguración está prevista para o 3 de xullo ás 20 horas. O pregón será pronunciado polo escritor ribadense Xavier Rodríguez Baixeras, que ao día seguinte realizará un percorrido poético pola vila a partir das doce do mediodía. A continuación do pregón haberá unha actuación musical a cargo do alumnado da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo.
Tanto sábado coma domingo de 11:30 a 13:30 horas terá lugar un obradoiro de creación de libros pop up e escritura creativa. Será na carpa instalada no parque. As prazas son limitadas. A inscrición realizarase media hora antes do inicio da actividade. Os nenos e nenas tamén gozarán o domingo da presentación de Xoguetes naturais, a cargo de Pícarosmundi. Será ás seis da tarde e a continuación haberá un obradoiro de xoguetes no que os menores deberán estar acompañados dunha persoa adulta. 
Para o sábado ás 20:30 horas está prevista a actuación de Cándido Pazó co seu espectáculo Candideces. E tamén ese día ás 21:30 horas, organizado por Pícarosmundi en colaboración con Legado Gourmet e La Galería 56, haberá Maridaxes literarias: viños e libros. Durante os tres días da feira están previstas as presentacións de varios libros como Mondoñedo literario de Armando Requeixo, As tres xarolas de Inés Fernández, Coñece o abecederario da Mesa pola Normalización Lingüística, Dun largo escuro de Marta Dacosta, Tempos do norte a cargo de Mónica Justo e Roberto Martínez, e A Casa do Vapor, de Maumarela. 
O domingo, 5 de xuño, o alumnado da EMMeD realizará a performance Orballo a partir das 12:20 horas e ás 13 horas María Justo dirixirá unha exhibición de danza no Cantón. 
Coa actuación do Grupo de Teatro de Ribadeo o domingo ás 20:30 horas, interpretando un fragmento de O inspector, clausurarase a segunda feira do libro.
Mariluz Álvarez Lastra subliñou que “cada persoa que merque un libro infantil será agasallado cun exemplar de Os Bolechas van á Marina lucense. E por cada compra superior a 15 euros darase un boleto para o sorteo dun lote de libros e dunha cesta de froitas e verduras do mercado de Ribadeo. Os boletos estarán vinculados ao sorteo do día que se fixo a compra e que terán lugar as tres xornadas: venres, sábado e domingo a partir das nove e media da noite nas inmediacións da feira”. 
A concelleira nacionalista agarda que o tempo acompañe e anima “a pequenos e maiores a acudir a esta feira do libro e a gozar das actividades e obradoiros programados para eses días”. E agradeceu o traballo realizado polos técnicos, polo persoal municipal implicado e polas librarías para que o evento sexa unha realidade. 
Farruco Graña dixo que “esta segunda feira do libro ten unha vertente máis universal, pero sen esquecer o libro galego e na mesma queremos mimar todos os ámbitos: o d@s nen@s, o d@s moz@s e o d@s adult@s”. 
A feira do libro está organizada polo Concello de Ribadeo e conta coa colaboración da Deputación de Lugo, a EMMeD, o Grupo de Teatro de Ribadeo, La Galería 56 e Legado Gourmet e as librarías ribadenses: Vivín, Gráficas Santiago e Pícarosmundi. 
As librarías participantes son: Aenea, Nobel, Balmes, Gran Enciclopedia Galega, Anticuaria Galgo, Pícarosmundi, Gráficas Santiago, Vivín e o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo.