A localidade focense da Espiñeira acollerá este domingo, día 28 de xuño, a súa tradicional feira de gando.

A localidade focense da Espiñeira acollerá este domingo, día 28 de xuño, a súa tradicional feira de gando.
 
A Espiñeira, na parroquia focense de Vilaronte, acollerá este vindeiro domingo, día 28, a súa tradicional feira exposición de gando cabalar e vacún organizada polo Concello de Foz.
O concelleiro Pedro Fernández Manín explicou que “esta feira sempre se viña celebrando o terceiro domingo do mes de xuño, pero deuse a circunstancia de que primeiro houbo eleccións e despois que ao retrasar as festas coincidía ao principio coas do Bispo Santo e despois co San Xoan, de Vilaronte. Este foron os motivos de organizala no mes de xuño, igual ca outros anos, pero o próximo día 28”.
Pedro Fernández engadiu que “haberá premios para o maior número de cabezas de gando cabalar, trofeos para as dúas mellores eguas de sela e  para os dous mellores cabalos de sela; igualmente haberá un premio en metálico para o maior número de cabezas de gando vacún e trofeo para a cabeza de gando máis destacada. Despois, ás 5 da tarde, teremos o concurso de andadura, onde haberá premios en metálico para os tres primeiros, de 100, 50 e 30 euros; e o cuarto premio, de consolación, que será un trofeo”.
Fernández Manín comentou tamén que “a toda a xente, que esperamos que sexa moita, que nos acompañe nese día no barrio da Espiñeira, queremos recordarlle que poderán comer alí, porque vai haber, como todos os anos, o bar de Chelo, onde terá polbo, churrasco e outras especialidades. E ademais teremos sesión vermú e actuacións de grupos folclóricos que farán o seu pasacalles polo barrio da Espiñeira a partir das 10 da mañá”.
O concelleiro destacou que “para organizar todo isto contamos con moito apoio de xente do barrio da Espiñeira, que o celebran como unha festa máis, o que quero agradecerlles dende o Concello”.