A programación cultural de Foz para os vindeiros días inclúe contacontos, cinema, concursos infantís e música. Ata o 23 de novembro está aberto o prazo para a presentación de candidatos a rei ou raíña do Entroido.

A programación cultural de Foz para os vindeiros días inclúe contacontos, cinema, concursos infantís e música. Ata o 23 de novembro está aberto o prazo para a presentación de candidatos a rei ou raíña do Entroido.
 
O Concello de Foz ofrece unha axenda cultural chea de actividades para os vindeiros días. Silvia Blach, concelleira de Cultura, explicou hoxe as diversas propostas das que poderán gozar os veciños, nas que destaca o cine, a música, as conferencias médicas e o ocio infantil.
“Para este mes temos convocados varios concursos: o primeiro é o de postais de Nadal, para que todos os nenos participen debuxando algo sobre o Nadal e poden presentalo na Biblioteca ou na Casa da Cultura ata o 26 de novembro”, explicou a edil.
Outro dos certames en curso é o do Rei e Raíña do Entroido. Blach indicou que os interesados “teñen que presentar os seus datos, dúas ou máis fotos recentes e un pequeno escrito explicándonos o que queren facer cando sexan reis e por que queren ser reis ou raíñas do Entroido. Hai que presentalo antes do 23 de novembro á técnica de Cultura no Concello de Foz”. A Cea de Entroido, coa coroación, está prevista para o 23 de xaneiro de 2016. 
“Tamén temos no Cenima ata o 23 de novembro a mostra Ola Caperucita, unha exposición cunha releitura desde conto tan coñecido por todos de Carrapuchiña. Seguindo coa programación cultural este xoves 12 haberá Cinema no Cenima; ás 20:30 horas empeza a proxección e ás 20 horas abrimos a taquilla. Por soamente 3 euros poden ver As altas presións, unha película moi interesante, gravada en galego e que fala tamén de Galicia”, continuou a concelleira. Trátase dunha película do director Ángel Santos Touza que narra a viaxe dun home a Pontevedra para preparar as localizacións para un filme. O traballo lévao de volta á que é a súa cidade natal e ás persoas que formaron parte da súa vida. 
Bach tamén explicou que “este mesmo xoves na Casa da Cultura temos o principio das Charlas Médicas. Esta vai ser sobre reaccións alérxicas graves, impartida pola doutora Teresa González Fernández, especialista en alergoloxía”. Será as oito da tarde.
“Este venres 13 ás seis da tarde na Biblioteca Pública, na Casa da Cultura, temos un contacontos, Pablísimo, coa obra Ras, Contos batracios, unha obra destinada a nenos de entre catro a oito anos. As prazas son limitadas porque na Casa da Cultura temos un espazo reducido”, advirte. Pablísimo é moi coñecido tamén pola súa faceta de humorista no programa Lúar, da TVG.
O venres 13 ás 21 horas Felipe Sanchez Fernández e África Rodríguez Arias ofrecerán un recital lírico no Cenima. Ademais, o grupo O Pico do Castro leva a súa obra Consultorio ao local A Saira de Nois ás 20 horas. A peza forma parte do Ciclo de Outono de Teatro do Concello. Para estes dous actos a entrada é gratuíta.
“Tamén teremos música o sábado 14 de novembro ás 18 horas, o concerto de Pesdelán, na Sala Bahía. Para asistir hai que pagar simplemente unha pequena entrada, 5 euros para os que non son socios da Asociación Cultural A Subela e 4 para os socios. Vai ser moi interesante tamén asistir”, dixo Blach. É un espectáculo no que se combina a música co ensino de bailes e xogos sinxelos para o público.
A concelleira lembrou tamén que “o xoves 19 seguimos coas charlas médicas, sobre os coidados paliativos. Vai ser impartida pola doutora Belén Fra e a enfermeira Mar Pérez Gómez”.
“En canto ao venres 20 ás 21 horas teremos teatro dentro do Ciclo de Outono de Teatro nas parroquias. Será o grupo O Centiño que vai realizar no centro social de Santa Cilla a súa obra o Caldeiro Máxico”, finalizou Silvia Blach.