A sección de piragüismo do CD San Ciprián volve ofrecer un ano máis cursos de iniciación gratuítos. Será do 16 ao 18 de xuño no encoro de Río Covo.

A sección de piragüismo do CD San Ciprián volve ofrecer un ano máis cursos de iniciación gratuítos. Será do 16 ao 18 de xuño no encoro de Río Covo.
 
A sección de piragüismo do CD San Ciprián coa colaboración do Concello de Cervo ofrece unha nova edición do curso gratuíto de iniciación ao piragüismo que se adoita impartir todos os anos na época estival. O alcalde en funcións, Alfonso Villares, o edil de Deportes en funcións, Luis Guillén, e o monitor de piragüismo, Javier García Garza deron a coñecer hoxe os detalles da actividade.
 
En concreto, o curso impartirase os días 16, 17 e 18 deste mes de 16:30 a 18:00 horas no encoro de Río Covo e está dirixido a nenos de 8 a 12 anos. Para poder participar só é preciso inscribirse chamando ao teléfono 619 576 386 ou enviando un correo a piraguismosanciprian@gmail.com 
 
Como é habitual, o alumnado do curso recibirá nocións básicas sobre este deporte acuático, e realizará pequenos percorridos en piragua. Os únicos requisitos para participar, ademais da idade, é que saiban nadar e que non teñan ningunha patoloxía que impida a práctica de exercicio físico, xa que todo o material necesario será achegado polo club.
 
Guillén asegurou que “esta é unha actividade coa que a sección de piragüismo abre as portas deste deporte á mocidade, promocionándoo dende as categorías de base e tentando que esta disciplina siga gañando adeptos”. Para o edil estes cursos de verán son “de moita utilidade para este obxectivo, xa que permiten aos nenos ter as súas primeiras experiencias coa piragua, probar e se lles gusta, continuar”. 
 
Desta maneira, agradeceu ao club “a súa implicación na difusión do piragüismo” e manifestou o compromiso do Concello “para continuar apostando por esta disciplina e seguir colaborando co club como vimos facendo estes anos”.