A XIV Festa do Chícaro celebrarase en Foz os días 21 e 22 de febreiro. Haberá degustacións de berberechos en varias preparacións na carpa instalada no peirao e nos locais de hostalería da vila.

A XIV Festa do Chícaro celebrarase en Foz os días 21 e 22 de febreiro. Haberá degustacións de berberechos en varias preparacións na carpa instalada no peirao e nos locais de hostalería da vila.
 
O Concello de Foz ven de presentar este mediodía a XIV Festa do Chícaro que se celebrará os días 21 e 22 deste mes con degustacións de berberechos en varias preparacións na carpa instalada no peirao e nos locais de hostalería da vila. No acto participaron o alcalde, Javier Jorge Castiñeira; o concelleiro de Mar, Pedro Fernández Manín; e o presidente do Centro Comercial Aberto (CCA) de Foz, José Carlos Paleo.
 
O alcalde dixo que “a Festa do Chícaro sempre é un clásico no mes de xaneiro e nesta ocasión celebrarase os días 21 e 22. O 21 no peirao de Foz nunha carpa instalada para o evento e o día 22 unicamente nos locais de hostalería, co mesmo formato de todos os anos”.
 
O rexedor focense asegurou: “estamos contentos porque é unha festa que desestacionaliza completamente os actos e eventos lúdico culturais do noso concello, que nos axuda tamén a facer unha transición agora, no mes de xaneiro, cara ao Entroido e Semana Santa e permítenos tamén que a actividade lúdica no noso concello perdure durante estas semanas”.
 
Javier Castiñeira detallou que “o programa empezará o martes 17 de xaneiro cunha charla a partir das once da mañá no salón de actos da Casa da Cultura, sobre marisqueo e acuicultura en Galicia, que impartirán Susana Novo e Justa Ojea, doutoras en Bioloxía e investigadoras do Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo”.
 
O alcalde engadiu que “o sábado serán os actos na carpa, ás doce a lectura do pregón a cargo de José Manuel Orriols, xornalista ben coñecido que ademais é unha persoa moi coñecedora da gastronomía galega, que leva promovendo hai moitos anos o consumo de produtos galegos e especialmente dos berberechos e moi particularmente a Festa do Chícaro, da que xa hai moitos anos é un voceiro ben recoñecido”.
 
Castiñeira tamén explicou que “a partir das doce e media xa se abren os stands e alí poderanse adquirir as racións que son ao prezo de 4 euros, con pan incluído. Poderase escoller entre chícaros, ou berberechos, en empanada, que fai a Confitería Anduriña, e outras tres modalidades: á provenzal, ao vapor e berberechos con fabas de Lourenzá, que tamén é un clásico para promover os produtos autóctonos da nosa comarca. Estes tres pratos prepáraos a Escola de Hostalería de Foz, á que agradecemos a súa colaboración”.
 
O alcalde focense comentou ademais que “despois, ata a noite, haberá diferentes grupos de animación musical, como son O Feitizo e A Subela, e ás dez da noite teremos a actuación dunha charanga e a batukada, que tamén dará xogo pola tarde animando esta festa tan importante”.
 
Javier Castiñeira rematou manifestando que “queda todo o mundo convidado á Festa do Berberecho de Foz. É unha fin de semana interesante que se pode pasar no noso concello, que sen dúbida xa é unha referencia para moita xente para gozar aquí na Mariña, en Foz concretamente, da boa comida e duns bos berberechos ou chícaros, como nos gusta chamarlles aquí, en Foz”.