Airiños do Xunco e o Concello de Cervo ultiman os actos do Entroido que arrincará o sábado co playback infantil.

Airiños do Xunco e o Concello de Cervo ultiman os actos do Entroido que arrincará o sábado co playback infantil.
 
Airiños do Xunco e o Concello traballan nos últimos detalles dos Entroidos de Cervo e San Ciprián respectivamente, nos que se mesturan as actividades infantís cos desfiles e concursos de disfraces. No caso dos actos para os nenos e nenas, en Cervo teñen preparado o tradicional playback infantil (sábado, 18:30 h., Casa do Concello), mentres en San Ciprián poderán participar nun baile de disfraces (luns, 18 h. Casa do Mar). 
En canto aos desfiles, o primeiro será o de Cervo durante o Domingo de Entroido (18 h.) que partirá do pavillón do CEIP e discorrerá polas rúas da vila rematando na praza do Souto, onde se entregarán os premios. En San Ciprián celebrarase o Martes de Entroido (18 h.) con saída e remate na praza dos Campos. Ademais, ese mesmo día haberá música coa Charanga As Farangullas e a Orquestra Suavecito, cea de Entroido que organiza o CIT e venda de bolos preñados a cargo da Asociación Península da Paz. 
En ambos casos os organizadores premian aos participantes que se anoten con antelación. En Cervo as comparsas (máis de 8 compoñentes) que se inscriban ata mañá xoves 12 de febreiro recibirán unha cesta con produtos típicos do Entroido. En San Ciprián o prazo para inscribirse e recibir un detalle remata o venres día 13. Nese caso beneficiaranse de vales de consumición en locais de hostalería e bolos preñados. 
Despois desas datas a inscrición poderá realizarse incluso o mesmo día, pero xa sen dereito a eses agasallos. Para máis información poden contactar con Rafa 600 96 83 44 e Azucena 982 55 76 13 (Airiños do Xunco) para o Entroido de Cervo e coa Casa da Cultura no caso do de San Ciprián. Ao mesmo tempo, haberá premios aos mellores disfraces; en Cervo figuras de cerámica e cestas con produtos típicos e en San Ciprián repartiranse ata 2.300 euros.