Ata o 19 de agosto pódese visitar no forte de San Damián, en Ribadeo, Mariñarte 2015. A mostra conta con traballos de catorce creadores.

Ata o 19 de agosto pódese visitar no forte de San Damián, en Ribadeo, Mariñarte 2015. A mostra conta con traballos de catorce creadores.
 
Obras de catorce artistas plásticos da zona, moitos deles ribadenses e outros vinculados a outros lugares da Mariña, están expostas no forte de San Damián ata o día 19 deste mes. Estas creacións forman parte da mostra Mariñarte 2015, que foi inaugurada hoxe polo concelleiro de Cultura ribadense, Farruco Graña Rama.
“Pasiño a pasiño, tarde a tarde, mañá a mañá, ao final acaba pasando por aquí  moita xente; a anterior exposición que tivemos foi visitada por unhas 1.400 persoas. É atractivo o lugar para facer unha exposición, é atractivo o entorno para dar un paseo e aproveitar que está o forte de San Damián aberto para ver unha exposición que, neste caso, ademais é moi gratificante porque podemos contemplar a obra que se está formando, que está saíndo adiante e que están empezando como creadores: tanto fotógrafos como pintores, deseñadores. Podemos ver que hai futuro e hai esperanza porque a creación artística en Ribadeo e na Mariña luguesa ten forza e futuro”, comentou o edil de Cultura.
Farruco Graña engadiu que “a creación artística de Chus Colmenero, de Cristina Basanta, de David Rivas, de Eduardo Fernández, de Eugenia Fernández de Sela, de Eva Rivas, de Javier Peralta, de Joseba Muruzabal, de Jotace, de Lucía Vila, de Mateo Guerreiro, de Nacho Riesco, de Patricia Arellano e de Ticiana Ghiglione está entre os muros do forte de San Damián, ben protexida das inclemencias meteorolóxicas, que espero que queden ben lonxe e que nos deixen unha semana de bo tempo para pasear e vir contemplar a exposición. E, ao mesmo tempo, tamén están nun lugar ben acolledor, no que espero que todos poidamos gozar de cada un deses cadros, fotografías e deseños”.
Ademais o concelleiro de Cultura animou “a todos e a todas a vir, a todas as persoas presentes aquí a que animen aos seus amigos, amigas e compañeiros a que se acheguen polo forte de San Damián. E desexarlles moito futuro a estas novas promesas, xente que algúns deles xa teñen experiencia e outros están empezando moi noviños. O Concello de Ribadeo, e en concreto a Concellaría de Cultura, seguirá apostando pola xente nova que quere comezar a mostrar a súa capacidade creadora. Seguiremos nesa liña e o mellor que podemos facer é seguir contemplando a exposición e felicitar aos artistas pola súa capacidade creativa”.