Ata o domingo, 23 de agosto, está aberta na explanada portuaria de Foz a III Feira de Mostras Multisectorial. 80 expositores e 200 marcas se dan cita no evento.

Ata o domingo, 23 de agosto, está aberta na explanada portuaria de Foz a III Feira de Mostras Multisectorial. 80 expositores e 200 marcas se dan cita no evento.
 
A Feira de Mostras Multisectorial de Foz e da Mariña abriu onte as súas portas na explanada portuaria coa presenza de representantes políticos, que saudaron unha iniciativa que reunirá ata o próximo domingo a 80 expositores e 200 marcas. 
O alcalde de Foz, o popular Javier Castiñeira, gabou un evento que contribúe a completar a oferta de verán en Foz e inclúe actividades e sectores moi diversos: “é unha feira importante, unha feira do sector comercial, que engloba moitísimas actividades, dende o automóbil ao ocio ou a propia hostalaría, a artesanía… Como todos estes últimos anos a Feira Multisectorial vai ser unha referencia. Ademais, como ben podedes ver en Foz esta fin de semana compatibilizamos varios eventos como a Feira do Libro, que vén de ser inaugurada e sábado e domingo teremos tamén a festa do marisco. É unha fin de semana activa en Foz. Desexámoslle moitísima sorte a todos aqueles que nos visitan, aos máis de 80 expositores que temos e que depositaron a súa confianza nesta feira de Foz. Tamén aos organizadores, por suposto a Acia Foz, pero tamén a Conoce Ferias como organizadora do evento, e ás administracións que aquí me acompañan: Deputación, Xunta e Concello de Foz, que fan uns esforzos importantes para que esta feira sexa unha realidade”. 
José Carlos Paleo, presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos e do Centro Comercial Aberto, recalcou a oportunidade de poñer a Foz como referencia comercial da comarca que ofrece un evento deste tipo: “imos poñer en marcha o que é un punto de referencia comercial na Mariña, dende Foz, e queremos agradecer a todos os expositores que apostaron pola Mariña e ao mesmo tempo falar dende Foz para a Mariña. Esta feira naceu hai tres anos para cumprir diferentes obxectivos. Por unha banda,  alargar o verán;  por outra banda, dar un apoio comercial aos nosos socios, á xente da Mariña, para que expoñan e que sexan unha referencia comarcal, e vanse cumprindo pouco a pouco os obxectivos”. Agradeceu tamén Paleo a axuda das administracións: “para nós é moi importante a axuda e a colaboración institucional aquí representada, porque entre todos é moito máis fácil traballar e levar a cabo este tipo de eventos. Nese sentido, queremos dar as grazas unha vez máis a todos. Seguiremos traballando e o ano que vén queremos meter unha parte que nos falta, que é a do agro, que expoñan máis compañeiros da Mariña do sector da alimentación, etc. Sabemos que hai conserveiras que xa nos acompañan dende o primeiro ano, expositores que participaron dende o primeiro ano e que están contentos coa representación que teñen aquí na Mariña. Nos seguiremos traballando para potenciar non só Foz senón a Mariña en conxunto, e facémolo con esa visión”.
Na inauguración do evento estivo tamén o xefe territorial de Presidencia da Xunta de Galicia, José Manuel Rozas, que dixo que “ano tras ano a mostra supérase, cada ano hai máis expositores, máis actividades complementarias,  polo que quero felicitar a todos os organizadores polo traballo desenvolvido para  organizar esta Feira de Mostras. A Xunta vai seguir colaborando co Concello e coa Acia como o vén facendo nestes últimos anos en todos os proxectos que nos presenten. Felicitamos ao alcalde polo completo programa de actividades que en Foz se organiza durante o verán, que fai desta vila un referente turístico da nosa provincia. Por último, desexamos aos organizadores e expositores que acaden e superen os obxectivos que se marcaron ao organizar e participar nesta mostra”.
A cita contou coa presenza de Elena Candia, a presidenta da Deputación de Lugo, que destacou a importancia do sector comercial de Foz na provincia e mesmo en Galicia: “a institución provincial que represento ten que ter presenza en actividades coma esta. Vou corrixir con cariño ao presidente do Centro Comercial Aberto porque hoxe Foz non fala para a Mariña, fala para a provincia ou case podemos dicir que fala para Galicia. Este concello que sempre foi un referente como destino turístico para moitos españois, hoxe tamén é referente en comercio. O comercio de Foz  sen dúbida na Mariña e na provincia é un exemplo de organización, de boa calidade, de bos profesionais na atención para a venda dos produtos”.
Candia tamén animou ás iniciativas que conxuguen a colaboración público-privada: “esta actividade, que une esforzos de iniciativa privada e administración públicas, é un exemplo máis da liña de actividades que se deben desenvolver. Despois de atravesar unha profunda crise económica, na que viñamos acostumados a que moita accións tiñan que ser financiadas integramente polas administracións públicas, tivemos que reinventarnos. Cando traballamos de xeito coordinado, cando as administracións públicas poñen o seu grao de area en iniciativas  que nacen de sectores privados, como é o caso desta, co seu traballo e co seu esforzo, sen dúbida teñen moitas máis posibilidades de éxito. A institución  provincial só ten un obxectivo, que é colaborar e axudar aos Concellos, fundamentalmente aos pequenos Concellos, pero tamén aos principais sectores da nosa provincia. Ten que apoiar e axudar as iniciativas do pequeno comercio e do mediano comercio, como o que atopamos neste concello”.
Ao acto de inauguración acudiron tamén o secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro; o xefe territorial da Consellería do Mar, Pablo González Asensio, así coma concelleiros da Corporación Municipal de Foz. 
Na III Feira de Mostras Multisectorial están presentes sectores coma o automóbil, a gastronomía, a música, a moda, o ocio, a artesanía, as antigüidades, o comercio ou os servizos. Os máis pequenos tamén poden entreterse na zona infantil coa que conta o recinto.